segunda-feira, 28 de janeiro de 2008

8. 30 de Xaneiro. Dia da Paz e da Non-violencia




Existe, por desgraza, unha ampla mostra de conflitos armados onde constatar os diferentes graos de sufrimento e degradación do ser humano que toda guerra implica. Algúns, aparentemente esquecidos, deixaron, non obstante, feridas mal cicatrizadas e dispostas a reabrirse en calquera momento.Outros, case descoñecidos no imperdoablemente descoñecido continente africano, están xa perdidos sen remedio sexa cal sexa o resultado final da contenda.Tamén os hai cotiáns, perniciosos, que abandonan os primeiros titulares pero deixan rastros atrofiados, convertidos en xordas ladaíñas onde a traxedia individual de cada morte se dilúe en cifras carentes de sentido.
Sendo conscientes desta situación, no Día Internacional da Paz, eliximos a guerra de Iraq como símbolo do engano, a barbarie e a loucura que toda guerra implica.
Neste documento utilizamos unha breve selección de textos de poetas árabes representativos da desolación dun pobo ante a traxedia colectiva que asola moitos dos seus países. Tamén incluímos algunhas citas contra a guerra de varios pensadores e escritores da nosa cultura occidental..


Oiamos as súas voces porque temos o convencemento de que só escoitando persoas sosegadas e respectuosas de calquera cultura os seres humanos teremos unha mínima posibilidade de futuro. Este é o espírito que alenta o presente documento que forma parte da iniciativa colectiva das Bibliotecas Escolares Galegas no Día Internacional da Paz, por un mundo mellor e máis xusto.

Os materiais gráficos deste documento proceden das seguintes fontes
Iraq War Paintings Gerard Laing
Carteles contra una guerra – Signos por la paz (James Mann, Ed. Gustavo Gili)
Lions Clubs International Peace Poster Contest


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ
Maria

7. PAZ, PAU, PAIX, MIR, PEACE, BAKE, SHANTI, FREDE, NEEDED...

Mañá é o Día da Paz. Desde hai días as bibliotecas escolares galegas colaboramos pola primacía desta, tentamos lembrar á sociedade que é a palabra a que debe vencer sobre as armas, esas palabras que voan nos libros, nos poemas, que se transmiten polo diálogo e non polas armas. Cremos que é o Amor quen debe vencer ao egoísmo, a non-violencia debe vencer á violencia e a PAZ á guerra.




Sétimo traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

Encontro con Xabier P. Docampo

Na semana pasada, rapazas e rapaces do segundo curso da ESO tiveron a sorte de disfrutar da compaña de Xabier P. Docampo e de conversar con el. Sendo escaso o espazo da nosa biblioteca e ao termos en obras o salón de actos do instituto, o lugar da charla foi a biblioteca pública, moi próxima do noso centro.
Xabier achegounos á súa vivencia da Literatura, importante e necesaria como capacidade de narrar de forma oral ou escrita e coa función de ordenar o caos, contar, explicar o mundo, desde o corazón dos seres humanos.
Cun percorrido, cheo de humor, polo conto de Carrapuchiña foi amosando a riqueza deste xénero para mostrar ao auditorio os valores e contravalores da sociedade.
Riferiuse tamén á lectura como camiño de perfección do individuo, sendo, claro está, unha decisión libre. Finalizou o acto, respostando as preguntas do alumnado, referidas particularmente á obra que leran, O Pazo Baleiro; as respostas de X. P. Docampo poderíamos sintetizalas nestas palabras súas:
“A inspiración xorde da necesidade de contar unha historia, cando teño a primeira frase teño o libro, buscar un escenario e ir enchendo coa vida.... Na literatura están tódolos modelos, ti lector, escolles o que che guste.”
E desexounos que a tarefa escolar nos fose liviá e gratificante.


Informante: Teresa Vila

Na rede

Fortuna fixo con que hoxe, 28 de Xaneiro de 2008, nos unamos a outros blogues das nosas Bibliotecas Escolares na rede. E esta e as datas inmediatas son, para nós, días de conmemoracións: hoxe lembramos a morte do grande poeta Manuel Antonio (1930/01/28), mañá Rafael Dieste faría 109 anos e, no día 30, alén da efeméride internacional a que se referen varias entradas dos nosos blogues, Castelao chegaría ás 122 primaveras; por iso -e pola admiración que lles debemos- os declaramos nosos guías neste camiño que iniciamos.
Nacemos en precario e servíndonos dos blogues irmáns, que tan ben evidencian o carácter colaborativo da web 2.0; agradecemos inmenso a súa xenerosidade e o seu traballo, na espera e coa promesa pública de os compensar co noso labor futuro.
E, parafrasendo o frecuentemente dito por responsábeis destes blogues, saúde, libros, músicas, cinema...e traballo colaborativo!
Maria

domingo, 27 de janeiro de 2008

6. Pola Paz e a Non Violencia


Falamos de guerras, falamos de paz. Falamos dos nosos desexos dun mundo mellor. Fermoso sería que as armas fosen xoguetes que nunca servisen para matar. Conseguilo é o noso obxectivo.




Maria

5. Pola Paz e a Non-violencia

A violencia nas súas diferentes formas, como manifestación do despropósito, é un dos aspectos máis notables na obra de Goya. Foron precisamente os sucesos acontecidos durante a Guerra de Independencia (1808-1814) os que deron lugar a que Goya efectuase unha reflexión enormemente crítica e innovadora sobre a guerra, sobre as súas causas, brutais manifestacións e consecuencias.

(...) Francisco de Goya, escéptico ante as xustificacións da guerra, lonxe de apoiar coa súa obra os postulados ideolóxicos dalgún dos bandos contendentes, mostra o rostro máis escuro e abxecto da guerra, o dos mortos e os seus asasinos, o dos indefensos e os seus prepotentes violadores, o dos que padecen e os dos que gozan co padecemento alleo.

(...) A sensibilidade de Goya ante estes acontecementos produciu non só a súa mellor serie de estampas, senón un monumental berro contra a violencia nas súas diferentes formas, que non recoñece xustificación ningunha, e que grazas ao maxistral do seu tratamento técnico, formal e conceptual permite ao espectador comtemplar imaxes inherentes a toda guerra.

(...) As obras de Goya de contido bélico non mostran aos heroes militares ou populares que loitaron contra os franceses, de todos coñecidos grazas ás publicacións e ás galerías de retratos gravados amplamente difundidos na España do seu tempo. Nin tan sequera preséntannos feitos concretos acaecidos en lugares determinados. Pola contra Goya móstranos, partindo de acontecementos reais, a esencia dos mesmos, a representación universal do heroísmo, a brutalidade, a fame, a deseperación, a destrución, pero sobre todo a morte. E todo iso protagonizado polo pobo anónimo, verdadeira vítima da guerra.

José Manuel Mantilla. El libro de Los Desastres de la Guerra. Francisco de Goya. Madrid, 2007, Arlanza Ediciones.




Nota: Os títulos dos gravados reproducen a ortografia orixinal de Goya
Quinto traballo colaborativo dos
Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

sábado, 26 de janeiro de 2008

4. Pola Paz e a non-violencia


Violencia é que ainda no século XXI, os dereitos das nenas e nenos de todo o mundo seguen sen respectarse.

Pois ben, queremos achegarvos un poema de Xosé María Álvarez Blázquez, escritor que vai ser homenaxeado no Dia das Letras Galegas deste ano e que pouco a pouco iremos coñecendo ao longo do curso.

Fálanos duns nenos que teñen que vivir na rúa, da esmola da xente e de como até a algunha xente lle chega a parecer normal esta situación.

Non é certo que os nenos teñan fame
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba¡-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles
-A xente pasa leda......¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!.

Xosé María Álvarez Blázquez
(Tui 1915-1985)

Cuarto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

quinta-feira, 24 de janeiro de 2008

3. Música pola Paz e a Non-violencia

Seguindo co noso traballo en prol dun mundo mellor no que o diálogo impere sobre o armamento, hoxe achegámosvos tres propostas musicais aínda quentiñas: toda unha proposta de karaoke pacífico para reflexionar.
Solo le pido a Dios:

Blowing in the wind:

Rosa de la Paz:
Terceiro traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

terça-feira, 22 de janeiro de 2008

2. Pola Paz e a Non-Violencia

Dentro desta rede colaborativa e no noso empeño en reflexionar sobre a importancia da non violencia, aportamos hoxe o vídeo "Poemas pola Paz", unha marabillosa iniciativa que se produciu na vila de Guernica 70 anos despois de ser arrasada polas bombas en 1937 e que nesta ocasión sería bombardeada por poemas: converter a dor en arte, cambiar bombas por poesía, solucionar os conflitos con palabras.

segunda-feira, 21 de janeiro de 2008

Encontro literario con Miguel Ángel Curiel



Baixo coordenación da profesora Flor Sánchez Fernández, a Sala de Vídeo do instituto acolleu un taller poético co creador Miguel Ángel Curiel; o encontro, dirixido ao alumnado de 2º de bacharelato, tiña o obxectivo final de que cada alumno crease o seu propio poema.
M. A. Curiel, poeta que reside actualmente en Lugo, nace en Korbach Woldeck (Alemaña) en 1966, no seo dunha familia cacereña, orixinaria de Jaraiz de la Vera, aínda que el se considera de Talavera de la Reina (Toledo), onde transcorreu boa parte da súa vida.
Galardoado en diversas ocasións, en 2007 consegue dous primeiros premios: un deles o Premio Internacional de Poesía San Juan de la Cruz 2007, da cidade de Ávila, pola obra "Por efecto de las aguas" e o outro é o Cidade de Mérida.
Miguel Ángel Curiel inicia o obradoiro estabelecendo a diferenza entre poesía e poema; algúns alumnos len poemas de poetas españois actuais e de creadores estranxeiros: ingleses, israelís...O propio poeta fai lectura expresiva de outros poemas. Isto configuraría a primeira parte do encontro. Na segunda, M. A. Curiel dá un listado de dez palabras ás persoas que ocupan as dúas primeiras filas e listados diferentes á terceira e cuarta, quinta e sexta, até se completaren os participantes, co obxectivo de que cada un cree o seu propio poema ou texto en prosa poética. Termina a sesión coa lectura de cada escrito. As obras creadas resultaron moi suxestivas e orixinais.
O taller foi financiado polo Ministerio de Cultura, dentro do programa "Encuentros Literarios"
Agradecemos a información oferecida por Flor Sánchez, xefa do Departamento de Lengua e Literatura Castellana.

ESCALA
FALSO sol-fa

Do-re
Mi sol
Fosa
in "Por efecto de las aguas"

domingo, 20 de janeiro de 2008

1. Pola Paz e a Non-Violencia

Os blogues das bibliotecas escolares galegas, unha vez máis, unímonos na loita do dereito primordial de todo ser humano: a convivencia pacífica. Porque sabemos que a base de toda coexistencia é o entendemento, o diálogo, o feito de saber abrir os nosos ollos e os nosos oídos para escoitar e entender, desexamos elevar as nosas voces como unha soa, un só berro unido por unha soa palabra, a palabra máis fermosa que debe reinar nas nosas existencias: PAZ.
E para reclamala, para pedir aos gobernos que senten a dialogar, para pedir a todo home e muller que habite sobre a face da terra que sexa quen de trocar puños e fusís por palabras e entendemento, por conmiseración e diálogo, por amizade e respecto, é polo que estamos aquí.
Desde hoxe até o día 30, lembrarémosvos que podemos vivir en paz, que só hai que crer nela, confiar nela, traballar por ela. O noso labor primordial é e será sempre ensinar respecto, democracia e educación. O noso labor é axudar para unha mellor sociedade do futuro.


quarta-feira, 16 de janeiro de 2008

30 de Xaneiro: Día Escolar da Non-Violencia e da Paz (DENIP)


Foi esta unha iniciativa independente dun pacifista, pedagogo e poeta mallorquino, Llorenç Vidal; o DENIP, por palabras de Vidal, tivo unha orixe humilde, á marxe de institucións públicas, e fundouse en Cádiz e Mallorca en Xaneiro de 1964; a efeméride ten como principal obxectivo conscienciar a sociedade e as comunidades escolares da necesidade de chegarmos a unha educación baseada na Non-Violencia e na Paz, sensibilizándonos na solidariedade e no respecto polos Dereitos Humanos.
A data escollida é debida a que neste dia 30 de Xaneiro de 1948 faleceu Mahatma Gandhi, o grande defensor da non-violencia.
Ano a ano e por vontade de millares de educadores, O DENIP foise estendendo por España e polo mundo, aínda que a data varíe en países do hemisferio Sur por teren un calendario escolar diferente do noso.
Desde 1994, Plano de Escolas Asociadas á UNESCO considerou esta celebración como unha actividade destacada para a educación en valores e así consta nunha Resolución da súa Secretaría de Estado. Alén disto, o dia 10 de Novembro de 1998, en Nova Iorque, a Asemblea Xeral da ONU declarou que os anos 2001-2010 serían a "Década Internacional para unha Cultura da Non-Violência e da Paz para os nenos do Mundo"; ambos os feitos contribuíron para unha maior difusión dos obxectivos desta celebración.

E, no afán de non alterar o sentido bailar deste dia, son esclarecedoras as palabras de Llorenç Vidal: "ser pacifista é unha cuestión de principios mentres que ser non-violento é unha forma de vida. Ser pacifista e non-violento á vez é camiñar cara á meta polo camiño adecuado. Descubrilo, vivilo e ensinalo –sen o impoñer- aos demais é axudar os seres humanos a reencontrar o seu camiño. E axudar a todos e a cada un a encontrar o propio camiño é un dos fins incontestábeis da educación."

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...