quinta-feira, 25 de junho de 2009

E a nós, quen nos pregunta?


Carta aberta de 20 profesoras e profesores do IES Illa de Arousa



Durante estes días, a Consellaría de Educación veu de repartir, nos centros de ensino galego, un enquisa dirixida a pais e nais na que estas son preguntadas sobre a lingua na que queren que os seus fillos e fillas sexan educados. A Consellaría pretende utilizar esta consulta para decidir a súa política educativa en cuestión lingüística para os próximos anos.

Moitas son as cousas que sentimos perante este feito, as persoas que asinamos este escrito:

Sentímonos inquedas como integrantes da comunidade educativa da Illa de Arousa, pois nela nunca houbo problema de convivencia por causa das linguas que usamos. E sentimos a preocupación de que esta enquisa busque o abrollo da lingua como muro e non como ponte de comunicación, cultura e imaxinación.

Sentímonos desprezadas como profesoras, pois nós, parte integrante da comunidade educativa, non temos dereito a opinar sobre un tema que atinxe directamente ao noso traballo.

Sentímonos insultadas como profesionais, pois as enquisa enviada ás familias non se sostén pedagóxica, estatística, sociolingüística nin legalmente. Por suposto, non hai nada nin ninguén que garanta a limpeza do proceso iniciado.

Sentímonos avergoñadas, pois fomos utilizadas pola Consellaría que, facendo chegar ás familias a enquisa a través do noso centro, pretendeu darlle unha lexitimidade que a súa disposición falsa e tendenciosa lle nega.

Sentímonos improdutivas como traballadoras, pois esta enquisa bota por terra todo o labor de consenso levado a cabo no noso centro para sacar adiante o Plan Lingüístico de Centro.

Sentímonos ofendidas, ao comprobarmos que quixeron servirse das persoas que integran o noso equipo directivo para vixiar e denunciar ás propias compañeiras de traballo.

Sentimos que é rebaixado o noso alumnado, pois tampouco se lle permite opinar sobre un tema que afecta ao seu futuro.

Sentimos que son menosprezadas as familias do noso contorno, pois foinos prohibido informalas de todo canto implica esta enquisa, colocando como escusa a posíbel manipulación, como se pais e nais fixeran cegamente aquilo que o profesorado ordena, sen capacidade propia de decisión.

Sentímonos desautorizadas como integrantes do Consello Escolar, órgano lexítimo que representa a toda a comunidade escolar da Illa de Arousa, e ao que tampouco se lle deu opción a opinar sobre este asunto.

Sentimos carraxe as persoas castelán-falantes e as que estamos a iniciarnos no uso do galego, porque se pretende impedir que melloremos no uso dunha lingua que queremos aprender. Nós queremos ser bilingües.

Sentimos unha dor virulenta as persoas galego-falantes, pois dáse a entender que a lingua que nós usamos é inútil e dunha importancia inferior á castelá.


Mais tamén sentimos outras cousas.

Sentímonos contentas de poder transmitirlle ao noso alumnado toda a riqueza patrimonial, lingüística e literaria da nosa comunidade, de facelo crecer aprendendo en pé de igualdade galego e castelán, evitando que lles aconteza o que a moitas de nós, que pertencemos a unha xeración que non tivo a oportunidade de aprender nunha escola en galego nin o galego na escola.

Sentímonos orgullosas de traballar todos os días para que o plurilingüismo sexa considerado unha fortuna e non un atranco, por facer ver que as linguas sempre suman e que o único que resta son as actitudes antidemocráticas, manipuladoras, segregadoras e exclusivistas.

1 comentário:

manuel disse...

Sentímonos inquedas, desprezadas, insultadas, avergoñadas, improdutivas, ofendidas, menosprezadas, doentes...

... e as veces emocionados e orgullosos!

Noraboa polo manifesto.
Isto non pode acabar mal.

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...