quarta-feira, 16 de dezembro de 2009

Quero un pavillón pra o meu medo. Méndez Ferrín

No Faro de Vigo do pasado luns, lemos este emotivo, solidario e instrutivo artigo:
Quero un pavillón pra o meu medo. X. L. Méndez Ferrín
"Raia o sol. Oriente é unha estreita liña de fogo sobre os petoutos areosos. Se se perfilan as gacelas, o intre pode ser perfecto. Ese Sahara Occidental belísimo é hoxe o lugar da ignominia. Na haima agarda o cha verde, que confonde, e os risos francos de homes e mulleres que levan o sol da libertade no fondo dos ollos. Aquel día, tan lontano, fomos incapaces de lle disparar ás gacelas.

Eles, os nosos saharauis, séntense árabes e a súa lingua, dita hassania, é un árabe dialectal. Din eles que proceden do Yemen e que, desde alí, bandas de beduínos fóronse desprazando deica o Occidente, ou Magreb. Os nosos saharauis nótanse, coma os galegos, nun Fisterra. Fronte ao Atlántico acababa o mundo coñecido e eles, que ven nacer o sol sobre as dunas, contemplan como morre incendiado sobre o Océano. Iso os distingue de todos os outros árabes do mundo. Mesmo sosteñen, os nosos saharauis, que moitos dos seus costumes nómadas son costumes yemenitas actuais.

Teño eu un amigo, poeta tuareg por máis sinal, que non acepta que os saharauis occidentais proveñan do Yemen. Pensa que iso constitúe un mito de prestixio identitario. "A cousa é máis simple" , dime, "os vosos saharauis son bérberes arabizados na Idade Media polo maldito Islam". Hai que explicar que o meu amigo tuareg é nacionalista e está furioso pola rearabización que se está a producir no Sahara Central pola vía do wahabismo saudita que lle enche o deserto de diñeiro e de novas mesquitas.
Cando se publique este artigo non sei como se achará Aminetu Haidar, á cal lle desexo o mellor.

A súa folga de fame está chamando a conciencia moral do Planeta á reflexión. O pobo do Sahara Occidental ten dereito á súa autodeterminación e á súa independencia. As resolucións das Nacións Unidas a este respecto son desprezadas por un Marrocos reaccionario. Os EE UU son o sostén principal do réxime monárquico de Marrocos polas mesmas razóns que foron o sostén do réxime de Franco. Non existe guerra fría nin a URSS, amiga do nacionalismo árabe socialista, existe xa. Sen embargo, a fidelidade marroquina aos EE UU constitúe un ben para Washington que é preciso mimar, aínda que se sacrifique o pobo saharaui. O réxime reaccionario de Marrocos odia España e demóstralle ese odio a cada paso. España non responde nin alenta  do nacionalismo bérbere do Rif (capital Melilla) nin defendendo, aínda que fose con retardo, os dereitos do Sahara Occidental. Sahara Occidental que é explotado colonialmente nos seus recursos mineiros e de cuxa plataforma marítima dispón, metendo os diñeiros das licencias de pesca no peto, o sultán de Marrocos (sempre recibiu o título de sultán: ollo que non é mordacidade miña).

Hoxe o saharaui canta no verso de Álvaro Cunqueiro: "Quero un pavillón para as miñas esporas de prata/ e outro pavillón pra o palafré do soño e as miñas presas./ Quero un pavillón pra soñar con Sherezade/ e outro onde ninguén me vexa cheirar a rosa rubia./ Quero un pavillón a carón dunha fonte/ e outro pra degolar na alta noite as gacelas./ Quero un pavillón pra o meu medo/ e outro pra derramar recendos polo fío da espada..."

Aminetu Haidar pediu setenta, cen, mil pavillóns para o seu pobo residir neles en libertade. O seu sacrificio está a pór un escándalo diante dos ollos do mundo."

Por Aminetu Haidar:

2 comentários:

Leo disse...

Que o ano que ven veña cheíño de plans, de proxectos, de traballos, de lecturas....¡e de amigos alegres!
Moitos bicos

Unitaria de Vide disse...

@s pequen@s de Vide desexanlle aos "maiores" de Lugo unhas boas fregadiñas do apalpador.

Unha apreta.

"Nunca me pintes costuras nos labios"

Co gallo do Día Contra a Violencia de Xénero , na Biblio o alumnado de Artes Escénicas e Danza de 4º da ESO realizaron unha performance a p...