Carme Jorge Díaz queda xa declarada como unha das autoras deste blogue: a falta de impresións de outras persoas, sempre podemos contar con que Carme vai partillar con nós o seu punto de vista sobre unha actividade en que non puideron participar todas as persoas que o desexarían.
Foi o que aconteceu no Clube de Lectura de secundário recentemente: despis de leren as Cartas de Amor de Fran Alonso, tiveron un encontro con el na biblioteca. E, a seguir, a opinión de Carme:
Fran Alonso é un home non moi alto, e séntase tras dunha mesa. É organizado e bastante metódico, polo que se pode aprezar. Algo perfeccionista, atreveríame eu a dicir. Veu falarnos do seu libro Cartas de Amor. Neste libro, diversas mulleres que se atopan en lugares e situacións variadas, -tes para escoller-, escriben cartas ás persoas que aman. Non só fala este libro de amor, tamén fala da guerra, da fame, da incomprensión, da inmigración, da soidade, do abandono. Hai casos nos que as protagonistas escriben a súa carta para despedirse. Outros para recordar que seguen aí. E outras, para poder contarlle a alguén o que lles pasa, que están a seguir a pesar do adverso das circunstancias. Cartas que poderían clasificarse case de todo, unha das últimas cousas como as que as clasificas é como cartas de amor.
Fran (supoño que o poderei chamar así) cóntanos que escribe desde moi novo, e que antes escribía historias de humor, o que lle facía gañar pequenos concursos que facían na súa clase. Este libro non é de humor, precisamente. E por iso pregunteille se é que a vida nos fai iso. A súa resposta foi: "Non é iso, os meus outros libros conteñen partes moi grandes de humor". Coido que é verdade.
Ademais diso, el ten visto moito mundo. Con todo, non me refiro aos lugares ricos e turísticos que probablemente viu, refírome aos lugares que quedan ocultos tras unha grande capa de petróleo e billetes. Vai a África moito, e ten estado en Filipinas. Tamén estivo en Cabo Verde e nun campo de refuxiados do Sahara, dous lugares dende os que parten dúas das súas cartas. Fran non só é escritor. Tamén é editor, en Xerais, e ten editados varios dos seus libros. Dixo que é moi escrupuloso cando o fai el. E non lle queda nada mal, a verdade.
En resumo, onde ti ves un home normal e corrente, atópase un destes pequenos tesouros que só ás veces podes atopar nesta variopinta sociedade.
Sem comentários:
Enviar um comentário