63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais, aínda así, cabe pensar que un outro mundo é posíbel, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nenas e nenos, adolescentes que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nenas, nenos e adolescentes que se implican con ilusión e con empeño en proxectos como "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nenos e nenas dos campamentos saharahuis, para quen a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas que, por todo o país, escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar ese recén estreado Niño do Bubi, porque, como nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, os nosos lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Todas e todos nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África; aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)
Imaxe atopada aquí
Publicación colectiva de numerosas Bibliotecas Escolares Galegas.
O libro enviado desde a nosa biblioteca:
Rafael Barceló (texto) e Aitana Carrasco (ilustración): Agapita Berenguer y Wenceslao: ¿De qué os reís?
Publicación colectiva de numerosas Bibliotecas Escolares Galegas.
O libro enviado desde a nosa biblioteca:
Rafael Barceló (texto) e Aitana Carrasco (ilustración): Agapita Berenguer y Wenceslao: ¿De qué os reís?
Sem comentários:
Enviar um comentário