In memoriam  
Xosé-Luís Novo Cazón 
"Na procura da historia e da beleza" 
 (Xosé-Luís Novo Cazón: Tempus das Letras. 2009) 

Sempre o noso guía, seguiremos o itinerario que nos ensinaches

segunda-feira, 27 de abril de 2015

Intercambio-Échange Lugo-L’Isle-Jourdan


Entrevista: Gael Jaúregui e Erlinda Rábade
Fotos: Paula Castro

O pasado 20 de marzo chegaron a Lugo 22 alumnos franceses do Lycée Joseph-Saverne (Francia), froito dun intercambio que realizamos 30 alumnos de 4º de ESO.
Unha viaxe memorable, tanto no ámbito social, coma no cultural, coma no didáctico... Unha  viaxe especial, novos amigos, novos lugares, novas culturas... Así é como podemos describir a viaxe que empezou un venres 27 de marzo, aínda que, dicilo desa maneira non sería correcto, xa que para unha  viaxe de tal calibre é necesario unha preparación con antelación que o fixo posible.
É mester dar as grazas a unha das nosas profesoras de francés deste instituto, que fixo tanto como foi posible para que este viaxe se levara a cabo con éxito, así como a todas as persoas que axudaron, tanto na preparación da viaxe dende Lugo, como as que se responsabilizaron de nós ao cruzar a fronteira.
A estadía en Francia foi un éxito: todas as familias francesas que participaron no intercambio portáronse correctamente, nós volvemos moi contentos e con moi boas sensacións da vida en L’Isle- Jourdan, e as participantes do centro que nos acompañaron nesta travesía, elaboraron tamén un bo comentario sobre o noso comportamento e o comportamento dos alumnos franceses.
Son moitos os elementos que diferencian a nosa forma de vivir coa francesa. Un deles é a disposición das vivendas, xa que soen ser casas unitarias con granxas que fan posible unha alta porcentaxe de autoconsumo, de maneira que estas están amplamente separadas entre si, de feito, moitos dos alumnos franceses que participaron no intercambio viven entre 15 e 30 quilómetros do instituto. Normalmente, os pais destes alumnos franceses traballan nos núcleos como pode ser L’Isle- Jourdan, xa que, entre os centros das cidades soamente atopábaste con campos e granxas, onde se cultiva a especialidade francesa do foie entre outros produtos, coma o viño.
O instituto francés e o español tamén teñen grandes diferenzas. O Joseph-Saverne é moito máis moderno ca o noso, mais tamén máis pequeno. Alí teñen un aula destinada soamente para alumnos, cun futbolín e mesas con cadeiras para sentar cos compañeiros. Entre dúas sesións de clase teñen 15 minutos de descanso e ata as 17:30 non rematan, o que obriga a que coman no comedor do instituto.
Para lembrar esta viaxe, fixemos unha entrevista a dous alumnos franceses, co obxectivo de aprender un pouco máis sobre os seus sentimentos e debullar como se sentiron durante a súa estadía en Lugo.
Son Eulalie Hienne e Louis Paris. Elaboramos algunhas preguntas e o resultado é o seguinte:

P. Estades satisfeitos co desenvolvemento do intercambio ?
R. Moito, de feito, non queremos que se acabe, porque nos gusta moito Galicia e todas as persoas que coñecemos aquí, son moi simpáticos e agradables. E  pasámolo moi ben coas familias, estamos moi a gusto, a verdade.

P. Gustaríavos logo que a vosa estadía en Galicia fora máis longa?
R. Si, se fora máis longa coñeceriámonos máis e poderiamos viaxar por Galicia.

P. Pensastes antes de vir que Galicia era así ?
R. Se somos sinceros, non esperabamos que a choiva fose tan protagonista... mais non importa, o resto foi moi agradable.

P. Tedes que facer un traballo sobre a vosa viaxe?
R. Si, para a clase de literatura. É semellante a un diario mais soamente para describir os nosos sentimentos, sen falar sobre os tópicos dos diarios, como monumentos ou como foi o día, e despois teremos que facer un artigo en francés para publicalo na revista do noso instituto.

P. Gústavos a noso instituto ou preferides o voso?
R. Voso instituto é moi diferente ao noso... por exemplo aquí vai un pouco de frío, e a construción é moi vella, mais non ten importancia xa que é moi agradable estar dentro e trátante moi ben.

P. Gústavos a familia na que estades?
R. Si, son moi simpáticos. A nai faime moi boa comida, sobre todo gustáronmeme as croquetas que me fixeron, e a carne, mais o polbo non me gusta.

P. Tedes referencias do noso sistema escolar? Que vos parece en comparación co voso?
R. Non sabemos moito do sistema educativo español xa que non nos falaron moito del, mais seica nós temos tres anos de instituto e vós tedes catro, e mentres vos cursades o último ano de instituto nos temos un ano onde aprendemos moito que está entre o instituto e o bacharelato.

P. Sobre a viaxe a Lugo dende L’Isle- Jourdan, preferiríalo facer en autobús ou pensades que sería mellor facelo en avión, ou noutro medio de transporte se cabe.
R. En autobús mellor, porque hai dous días estrelouse un avión con correspondentes alemáns, o que nos deu un pouco de medo e pena, polo que preferimos viaxar sobre a terra.

P. Sabedes das nosas tradicións? Os bailes, as festas, a comida, etc.
R. Si, mais en Francia, no Gers, tamén temos tradicións moi parecidas, entonces non hai moita diferenza. Temos culturas moi parecidas.

P. Que é o que máis vos gustou do intercambio?
R. A comida! Tamén nos gustaron as viaxes que fixemos e estar con vós.

P. Falando da comida... é mellor aquí, ou vos quedariades coa vosa?
R. Non, é igual, pero gústame moita a comida.

P. Das viaxes que fixestes por Galicia, cal foi o lugar que máis vos gustou?
R. Santiago de Compostela, porque na Coruña ía moito frío e vento, ademais a cidade non é moi bonita, pero a Torre de Hércules é un sitio moi bonito, en cambio, Santiago de Compostela é un sitio moi vello, mais bonito e agradable.

P. Queredes manter relacións cos correspondentes no futuro?
R. Si! Faríanos moita ilusión volver a vernos no verán ou noutra época do ano porque o pasamos moi ben.

P. Notastes  moita diferenza entre vivir en L’Isle Jourdan, onde tedes as vivendas moi separadas, e vivir aquí, onde vivimos todos moi xuntos?
R. Aquí é máis fácil vernos e quedar todos xuntos, en Francia estamos moi separados e é mais difícil, polo que é mellor Galicia.

P. E para rematar... queredes engadir algo?
R. Mmm... grazas por todo e estades convidados a Francia cando queirades.







Sem comentários: