quinta-feira, 11 de abril de 2019

O Instituto da Lingua Galega no IES Ollos Grandes

O prestixioso Instituto da Lingua Galega, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa secretaria María Álvarez de la Granja, fixo honra ao seu nome. Coa charla titulada: Cal ti es, así me dis. Idiosincrasia e universalidade na fraseoloxía galega  deixounos con ganas de máis, a alumnado e profesorado asistente.
                                  María Álvarez de la Granja
      A conferencia, enmarcada dentro do programa A Ponte, que pon en contacto ao alumnado coa Universidade, foi solicitada polo Departamento de Lingua Galega coa mediación da Vicedirección do noso IES.
       A seguir, Mario Rodríguez Salgado, de 1º Bacharelato B, resumiranos o contido do relatorio.




Por Mario Rodríguez Salgado
A conferenciante, María Álvarez de la Granja, do Instituto da Lingua Galega, definiu a fraseoloxía como a disciplina lingüística que estuda o conxunto de unidades fraseolóxicas (máis dunha palabra fixada como un todo na memoria). Distínguense tres tipos: locucións, refráns e fórmulas.
En primeiro lugar, as locucións son verbos, adxectivos, adverbios ou substantivos que funcionan como un todo expresando un mesmo significado; por exemplo, Meteu o zoco nalgunha pregunta, fixo o exame ás carreiras; os refráns son enunciados fixados que encerran unha verdade xeral (En abril augas mil e todas caben nun barril, Xente nova e leña verde todo é fume); as fórmulas, en cambio, non teñen un valor de verdade xeral ao empregarse só en determinadas situacións: Bo proveito, Malo será, Agora xa foi. Marica non chores...
De seguido, María Álvarez de la Granja relacionou a idiosincrasia coa fraseoloxía. O primeiro concepto engloba todo o característico ou particular da cultura dun pobo. A partir de elementos comúns dela, como o burro (animal moi habitual en Galicia) construímos frases feitas como Chámalle burro ao cabalo!, Pensando morreu un burro ou Non se ve un burro a catro pasos. Tamén é común empregalas para tratar temas tabú: na idiosincrasia galega abundan frases feitas como Estirar a pata, Ir para a terra, Deixar este mundo, Pasar a mellor vida ou Irlle gardar os pitos ao abade (estar a punto de morrer) nas que empregamos metáforas de conceptos concretos e coñecidos para referirnos a un tema máis abstracto e tabú: a morte.
Por último, falamos de frases feitas comúns en Europa, como Lavar as mans ou Estar todos no mesmo barco, ao apareceren en textos de ampla difusión pola influencia exercida por cregos ou xente culta da época (Biblia, fábulas antigas, clásicos grecolatinos), e proxectouse un vídeo do programa da TVG Ben falado no que Xosé Ferro Ruibal, prestixioso académico, asociaba o uso de frases feitas con falar unha lingua de cores e, o non facelo, co branco e negro. Este é, ao meu xuízo, un interesante punto de vista xa que o emprego de frases feitas enriquece o noso falar e apórtanos cultura ao tempo que coñecemos mellor a nosa idiosincrasia e os seus aspectos máis curiosos e característicos que permiten diferenciarnos doutras culturas. Non facelo sería un grave erro pola nosa parte, xa que a lingua voltaríase máis común e pobre. Non obstante, cómpre non abusar da fraseoloxía xa que a orixinalidade e a excentricidade dalgunhas das súas frases poden convertir a nosa fala excesivamente recargada e artificiosa.

   Damos as grazas á relatora, María Álvarez de la Granja, por todo o que aprendemos e de xeito tan ameno.                                               
Se queres saber máis: Cadernos de fraseoloxía galega







Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...