Por Cristina Soto
Sánchez- Guisante
Departamento de Lingua e Literatura GalegasBoa tarde a todos/as:
Desde que souben que ía ter a enorme responsabilidade de dirixirme a
este aforo tan selecto, mil e unha ideas viñeron á miña cabeza,
pero…. tiña que darlles forma, e non creades…. custoume e
acordeime moito de vós, de todos os textos e comentarios que fostes
elaborando ao longo deste curso tan intenso como complexo, e que con
tanta éxito, estades a rematar.
Hoxe,
dalgún xeito, pechades unha etapa, e ante vós, ábrese un mundo
cheo de preguntas, dúbidas, incertezas….mais tamén de soños,
expectativas, proxectos….de futuro. Atrás deixades unha parte
completa da vosa vida: Vivencias, compañeiros, amigos…con algúns
seguiredes mantendo relación, con outros, se cadra, non tanta; pero
durante moito tempo, van acompañarvos os recordos, e como a memoria
é selectiva, seguro que só os agradables.
Chegado
este punto ímonos deter para botar a vista atrás e recordar a todos
aqueles que ao longo destes anos que pasastes no instituto, ademais
de ensinarvos matemáticas, lengua, lingua, historia…. e un
longuísimo etc. contribuíron, xunto cos vosos pais, a forxar o que
sodes hoxe: persoas, unhas marabillosas persoas. Para eles, e no voso
nome, as grazas.
E
que dicir dos vosos pais…., ese “inimigo” a bater, apenas hai
uns anos, e hoxe en día o voso equilibrio, xa seguramente o curso
pasado, pero sobre todo este, e aos que aínda lles queda por pasar
unha dura proba: a vosa selectividade….e que como sempre aconteceu
, van estar aí, á altura das circunstancias.
Todos
temos un libro que nos marcou, e ao que volvemos sistemáticamente
cando o precisamos, permitídeme que comparta con vós ese libro e
que dea lectura a un pequeno fragmento del, a novela de Susanna
Tamaro. “Onde o corazón te leve”, e que di así:
“Despois,
cando diante túa se abran moitos camiños e non saibas cal
percorrer, non te metas nun calquera, ao chou, senta e agarda.
Respira coa confiada profundidade con que respiraches o día que
viñeches ao mundo, sen permitir que nada che distraia: agarda, e
agarda aínda máis. Non te movas, en silencio, escoita ao teu
corazón. E cando che fale, levanta e vai onde el te leve”
E é
aquí onde vou enlazar coa segunda parte desta reflexión: o futuro,
o voso futuro:
_ Que vou estudar!
_
Poderei facer o que sempre quixen?
Preguntas
que seguramente vos estades a facer, e que nestes momentos poden
producirvos un certo desacougo, e…que debedes desbotar de inmediato
porque estades nun momento crucial da vosa vida e necesitades de
todas as vosas forzas para afrontalo; pero se por calquera
circunstancia as vosas expectativas non se cumprisen , lembrade
sempre que “ o home san non é o que non ten enfermidades, senón o
que é quen de superalas”, e eu, non dubido da vosa saúde;
levantarédesvos unha, dúas, tres….as veces que fagan falla.
Gustaríame
ter tido con vós unha memoria compartida, porén o meu percorrido
neste instituto é breve, por iso a nosa relación redúcese
esencialmente a un ano, ou no mellor dos casos a dous; pero
certamente moi intensos. Tardarei en esquecer os vosos grandes
sorrisos cando nos cruzabamos nos corredores ou nas escaleiras; as
vosas cariñas, mestura de sono e cansazo, cando nos tocaba a clase á
primeira hora da mañá ; con soneca incluída por parte dalgún,
cando a clase era á tarde; pero non me quero despedir sen facer
alusión a un feito que me conmoveu profundamente: cando tras unha
dura experiencia vital, regresei ao instituto, sentín o voso calor,
o voso abrazo, o voso cariño….Grazas
E
para rematar, que mellor que uns versos doutra muller, dalguén moi
próxima a nós , que nos identifica como sociedade máis alá do
noso territorio: Rosalía de Castro (do epílogo de Cantares):
Eu cantar, cantar, cantei,
a grasia non era moita,
que nunca (delo me pesa)
fun eu meniña grasiosa.
Cantei como mal sabía
dándolle reviravoltas,
cal fan aqués que non saben
direitamente unha cousa.
(…)
Deséxovos a mellor das fortunas en todo o que emprendades de aquí
en adiante e téñovos un mandado: sede felices. Moitas grazas.
Sem comentários:
Enviar um comentário