sexta-feira, 24 de outubro de 2008
Día da Biblioteca
Onde hai unha biblioteca hai unha luz
ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca. Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda. Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas. Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.
Agustín Fernández Paz
Así se inicia o Manifesto que, para hoxe, 24 de Outubro, Día da Biblioteca Escolar, creou Agustín Fernández Paz (onte galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil) e que podes ler na íntegra aquí. O deseño do cartaz é do ilustrador Xosé Cobas.
A IASL (International Association of School Librarianship) dedicou este mes de Outubro ás Bibliotecas Escolares; é dentro desta conmemoración internacional que o Ministerio de Cultura seleccionou o día 24 de Outubro para celebrarmos esta efeméride que, neste ano, centra as actividades en Santiago de Compostela.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
25N. CONCURSO DE POSTERS.
Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...
-
Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...
-
O poeta escolle abril De quen fuximos? Quizaves, dime, a cinza non rexeita a garrida mocedade e o sangue? En abril e maio non hai cin...
Sem comentários:
Enviar um comentário