quarta-feira, 30 de abril de 2008

Clube de Lectura: Premio Logotipo

Hoxe fallouse o premio ao mellor deseño para o logotipo do noso Clube de Lectura. A gañadora foi Almudena Graña Pena de 3º A de ESO. Parabéns para a vencedora e para quen participou porque a calidade dos deseños era alta; grazas a todas e a todos por participar e permitirnos ver e admirar as vosas habilidades.
En breve reproduciremos aquí as imaxes.

Curtametraxe "Móvete"

Dentro do Proxecto Lamentos de Gaia, hoxe, durante o recreo, pasouse a interesante curta que crearon alumnos de Ciencias da Terra de 2º de BAC. Para a compartir coas nosas visitas, deixámola aqui, ao tempo que parabenizamos os autores e lles agradecemos moito o seu traballo.

segunda-feira, 28 de abril de 2008

Os Lamentos de Gaia


Os Lamentos de Gaia é o nome do Proxecto Interdisciplinar que neste ano se está desenvolvendo no instituto; desde a celebración do Día da Terra no pasado 22 de abril, os corredores da planta baixa serven de cenario para múltiplas actividades que se foron organizando ao longo do curso e agora se comparten co fin de coñecermos todos o que significa a mudanza climática e, o máis importante, como podemos contribuír para a evitarmos.
Sendo parte deste centro, o mellor que podes facer é participar nas actividades ou, cando menos, aprender co que nos recreos nos oferecen os nosos colegas; para os que nos visitan por medio da rede, no início desta noticia e na coluna lateral, temos unha ligazón ao blogue do proxecto.

quarta-feira, 23 de abril de 2008

Concurso on-line



I Concurso on-line : Lecturas compartidas

Con motivo do Día do Libro e do Día das Letras Galegas, a biblioteca Ollos Grandes do noso instituto convoca un primeiro concurso através do blogue da nosa biblioteca..
Bases:
- No concurso pode participar calquera persoa da nosa Comunidade Educativa.
- Trátase de compartir, por medio do blogue da biblioteca (http://bibliolhosgrandes.blogspot.com, un pequeño escrito (post) que recolla emocións/opinións da persoa participante sobre unha lectura conmovente.
- As participacións serán breves, non deberán superar as cen palabras e poderán estar escritas en galego ou castellano.
- Para concursar, é necesario entrar no blogue e enviar o escrito como un comentario á entrada I Concurso on-line: Lecturas compartidas
- Cada participante deberá indicar, despois do escrito, o seu nome e apelidos. Pódese participar por medio de pseudónimo; neste caso, é preciso entregar na biblioteca un sobre pechado co pseudónimo no exterior e os seus datos persoais no interior.
- O período para participar abranxe desde hoxe, 23 de abril até ao 19 de maio de 2008.
- A biblioteca, mediante a moderación de comentarios, resérvase o dereito a non publicar aquelas opinións que considerar inadecuadas a estas bases ou ferintes para con calquera persoa.
- O xuri estará composto polo Grupo da Biblioteca do instituto.
- Outorgaranse tres premios consistentes nun vale de 75 euros para gastar nunha libraría.
– De todos os escritos, cada vale premiará, a orixinalidade, emotividade e a expresividade literaria.

(Idea orixinal:www.bibliofiz.blogspot.com)

segunda-feira, 21 de abril de 2008

I Liga de debate


Desde o pasado xoves e até o domingo, día 20, celebrouse en Santiago de Compostela a I Liga de Debate organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
O profesor Luís Castro estivo alí acompañando a Alba Galicia Díaz, Sergio Mayo, Uxía Reija e Alejandro Sánchez de 2º A de BAC que, desde aquí, parabenizamos polo seu bon facer.
O profesor infórmanos de que "toda a liga de debate tivo unha moi boa organización, tanto no Multiusos Fontes do Sar, onde se celebraron os debates coma no hotel (Monte do Gozo).
Gozamos dun ambiente moi agradábel, cos alumnos competindo, esforzándose nos debates, buscando novos datos, elaborando novas argumentacións e sempre cun respecto e compañeirismo altísimo e aprendendo moito uns dos outros segundo manifestan. O comportamento e actitude de todos eles foi excepcional en todos os sentidos."

Parabéns e grazas ao alumnado e ao profesor.

segunda-feira, 7 de abril de 2008

Declaración de amor

Isto non é unha declaración de amor e si un chamado para que vos animedes a escribir unha.
Con ela podedes viaxar a París, gañar un reprodutor DVD, un portátil...Só unhas palabras que saian de emocións, vividas ou imaxinadas, e que respondan ao que entendemos por "declaración amorosa" son suficientes para participar na segunda edición do concurso Lingua de Amor que convoca e organiza o Consello da Xuventude de Galicia (CXG). Na súa páxina podes informarte das bases.
A data limite é o dia 14 de maio.
Non deixes de participar.

quarta-feira, 2 de abril de 2008

Artistas lucenses do século XX


A partir do próximo venres, día 4, o Museo Provincial de Lugo vai acoller nas salas 29, 30, 31 e 32 obra plástica de 99 artistas de Lugo, novos ou consagrados, e das máis diversas tendencias.
Entre eles, poñemos en destaque a presenza do profesor deste centro J.J. García Gesto ou dos integrantes do colectivo Bacabú Germán Refojo, Quique Bordell, Honorio, Espiral e Santiago Catalán.
Alén de visitares a exposición -está garantido que vas encontrar obras do teu gusto-, podes tamén dar unha ollada ás web que algúns teñen servíndote deste vínculo ao Museo.
Non deixes de ir.

terça-feira, 1 de abril de 2008

Teatro Universitario


Está a decorrer en Lugo o XIV Festival Internacional de Teatro Universitario.
Hoxe, día 1, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, Maricastaña, apresenta 84, dramaturxia de Fernando Dacosta baseada na novela 1984 de George Orwell, seudónimo de Eric Arthur Blair
O pase será no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20.30, con entrada gratuíta, previo paso pola billeteira.
O grupo de teatro Maricastaña, integrado por máis de dez actores e actrices, dan vida a unha das anti-utopías máis desenvolvidas na literatura: a vida cotiá dunha sociedade oprimida por um rexime totalitario, en que o Estado está por riba de todo, crea e elimina conforme lle convén. Este mundo, na ficción de Orwell, está liderado polo “grande irmán” (Big Brother) que vixía todo e instala o medo de falar e de actuar entre as persoas.
Para consultar as funcións dos próximos días, podes visitar a Axenda Cultural do Concello.
Non deixes pasar esta oportunidade: non son moitas as que temos na cidade para ver espectáculos teatrais.

"No 1º de abril van os burros a onde non deben ir"



Hoxe festexamos o "Día das Mentiras" ou "Día dos Enganos"; esta festividade ten resistido, en diferentes zonas da Galiza e no refraneiro popular, a esmagadora sustitución pola celebración dos "Santos Inocentes".
Consiste, basicamente, en dar noticias falsas para enviar as pessoas "onde non deven ir" e outras brincadeiras, como pegotas nas costas dos enganados, azúcar no saleiro/sal no azucareiro e feitos do estilo que non danen ninguén.
Se queres saber máis, podes entrar no noso Blogue de português e nas ligazóns que ali encontrarás.
Sería moi interesante que, se coñeces algún lugar onde estexa viva esta tradición, nos informes contando o que consideres: zonas onde existe, brincadeiras máis frecuentes, etc. Deixa o que saibas nos comentarios. Moitas grazas.

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...