Mostrar mensagens com a etiqueta En Lugo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta En Lugo. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 12 de dezembro de 2017

Achegámonos á ciencia?



Unha próxima oportunidade de sabermos algo máis da xenética e das súas aplicacións na loita contra enfermidades témola este xoves,  14 de decembro, ás 20:30, aquí ao ladiño, no edificio do vello cárcere.
Podermos escoitar as palabras do recoñecido cientista Ángel Carracedo ben valen un pouco do noso tempo.

sexta-feira, 24 de março de 2017

Sementando poesía en Lugo



Non sei se coñecedes o Mercado da Terra. Trátase dun punto de encontro de compra-venda de produtos ecolóxicos, naturais, locais e de temporada  que decorre todos os martes, entre as 17:00 e as 20:00 da tarde no Mercado Municipal de Lugo, na rúa Quiroga Ballesteros.

E ten algunha relación  o Mercado e a Biblioteca? Desta vez, moita: entre as interesantes e diversas actividades que organizan, a do próximo martes, dia 28, ás 17:30, abraza Poesía, Papel e Terra.

Acudindo a Sementando Poesía, as persoas participantes poderán elaborar papel reciclado; entre as fibras das follas resultantes, inseriránse sementes de diferentes plantas. Despois, é o momento de as persoas se expresaren con debuxos, poemas, cancións...
Aínda, unha vez acabadas a elaboración e a parte creativa, poden "sementarse", oferecéndoas como presentes  a alguén. E falta o máis bonito: estas follas poden sementarse de verdade para agromaren as sementes e... quen sabe se a poesía...

Con esta actividade, Do Mercado da Terra reivindican o seu labor, ao tempo que manifestan a relación estreita daquilo que os ocupa co respeito e amor pola Terra.

A asistencia vai ser, como sempre, gratuíta e dirixida a todas as idades.

A non perder!


sexta-feira, 11 de outubro de 2013

III Xornadas Galegas de Dislexia en Lugo



AGADIX (Asociación Galega de Dislexia), en colaboración coa Diputación de Lugo, organiza as III Xornadas Galegas de Dislexia (Investigación, tecnoloxía e práctica na dislexia).

Celebraranse os días 18  e 19 de outubro de 2013 no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, Rúa San Marcos, 8. Lugo.

Os relatores serán:
  • D. Manuel Carreiras, Director científico de BCBL (Basque Center on Cognition, Brain and Language), Catedrático de Investigación Ikerbasque.
  • Dna. Luz Rello, lingüista, Máster en Procesamento da Linguaxe Natural.
  • Dna. Araceli Salas Vallespir, psicomotricista e educadora infantil, portavoz da Organización Internacional das Dificultades Específicas de Aprendizaxe e fundadora de DISFAN.
  • D. Iñaqui Muñoz Salas, Presidente e Embaixador para Iberoamérica da Organización Internacional das Dificultades Específicas de Aprendizaxe, Presidente de DISFAN e Fundador da Federación Española de Dislexia.
  • Dna. Paula Outón Oviedo, Psicopedagoga, Profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela.

Calendario das Xornadas: Pincha aquí 

sábado, 12 de maio de 2012

A non perder

Para descontraer un tantiño nestes días de estrés, nomeadamente para alumnado e profesorado de 2º de Bacharelato, Chévere  é unha opción recomendábel. 
Este grupo excepcional, que se inclina "sempre do lado do xogo, do goce, do inmediato e do xenuíno" porá en escena Citizen I e II
Con inspiración no filme de Orson Welles, "Citizen é unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega, que construiu un imperio chamado Inditex, máis coñecido como Zara. Deste xeito, Citizen convértese nunha boa disculpa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades individuais e colectivas", por palabras do propio grupo.
 Vai acontecer no auditorio Gustava Freire hoxe, sábado, a partir das 20h30.


sábado, 19 de novembro de 2011

Manifesto de Lugo


Pasaron 93 anos desde que, nos días 17 e 18 de novembro, se reuniran en Lugo por vez primeira todas as Irmandades da Fala. Daquela asemblea saiu o Manifesto de Lugo, considerado como a acta de nacemento do nacionalismo galego. Nel, Galiza é definida como nación e, por iso, reclámase a sua autonomia integral e ainda a cooficialidade da lingua galega.

Con motivo desta efeméride, teremos hoxe en Lugo algunhas actividades organizadas, ora pola AC Cultura do País, ora por Mádia Leva (clicando nos enlaces, podes coñecer os horarios).
Un dos actos máis relevantes (ás 18h30, no Centro de Convivencia Maruxa Mallo) vai estar protagonizado polo noso caro colega, o profesor-doutor Xosé Luís Novo Cazón; falará sobre Lois Peña Novo, personalidade marcante das Irmandades ben coñecido polo profesor: Lois Peña Novo : Irmán da Fala, agrarista; avogado; galeguista; republicano: a paixón política: historia dunha frustración é o título dun dos estudos da súa autoría.

Outros actos decorrerán na rúa da Raíña, ao pé do hotel Méndez Núñez (lugar en que se reuniron as Irmandades) onde van ser lidos textos relevantes na nosa historia. De carácter máis lúdico vai ser a III Festa Dandi, na Sala Doble Moral (Pza. da Horta do Seminario), a partir das 23h00.  "Consistirá nun concerto do grupo Os da Ría Íntimos, con entrega dos Premios Dandi e algunha que outra sorpresa", segundo informan aquí.

  Hai en que escoller. Como para non ficar na casa!

sexta-feira, 28 de outubro de 2011

Samain e outras historias

Se nestes días de folga, isto é, de descanso, alguén ten interese en participar en actividades propias deste tempo, quere ter maior información ou vai preparar unha participación para o concurso referido no post anterior, deixamos algunhas recomendacións:

- Informacións sobre a orixe do Samain: aquí, aquí e aquí. Mesmo poderás saber que a festa do Samain e a dos magostos/S. Martiño foron orixinalmente a mesma, en idéntica data.

- Diferentes informacións sobre a festividade do Samain recollidas nesta web da biblioteca escolar do CEIP Víctor Sáenz, á que agradecemos a partilla.

- Samain no centro Mádia Leva

- Programa de actividades do Concello de Lugo que, por primeira vez, festexa esta efeméride:


























Feliz Ano Novo Celta!!!

segunda-feira, 27 de junho de 2011

Paco Matín

Nesta biblioteca temos unha grande débeda con Paco Martín.  Ángela Franco, a súa muller, tanto tempo encarregada desta biblioteca, foi quen nos fixo chegar os seus libros como presente. Que as lecturas da súa obra  mingúen  o debido e sirvan de agradecemento a Paco Martín e á querida Ángela.

Nin sequera puidemos acompañalo na homenaxe que a AELG lle acaba de oferecer en Lugo no pasado sábado.
Porén, con tal motivo, recomendamos estas lecturas:



- a entrevista publicada no Galicia Hoxe, nunha das, infelizmente, últimas edicións deste xornal que mañá se publicará por derradeira vez.

- a entrevista en La Voz de Galicia.

- o artigo de Iago Martínez no Xornal

terça-feira, 17 de maio de 2011

XXIX Feira do Libro de Lugo

Desde hoxe, día 17, e até o próximo domingo, 21, teremos  na Praza Maior de Lugo a Feira do Libro: unha boa ocasión para comprar, buscar, ler, escoitar e asistir a diversas actividades.

Hoxe, Día das Letras Galegas, ás 18h30, teremos un recital poético: Poetas de Lugo arredor de Lois Pereiro (con Marica Campo, Xabier Rodríguez Barrio, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira).

Todos os días, ao serán,  sortearanse lotes de libros. Encontraredes completa información das actividades no sitio da Federación de Libreiros de Galicia.

Cartaz de Alejandro Domato

sexta-feira, 1 de abril de 2011

Homes en escabeche

Non, non é un cociñado tradicional, mais podería ser "teatro para se comer", parafraseando o título dunha obra do grande J. Guisan Seixas.
Homes en escabeche é unha peza teatral do grupo lugués Hipócrita Teatro, dirixida por Carlos Rebolo, coa que hoxe poderemos rir, pensar e ser solidarios: rir, por ser unha comedia, pensar e actuar en consecuencia, porque quedan en evidencia os aínda numerosos tabús a respecto da muller na nosa sociedade e a diferente educación que receben homes e mulleres aquí e agora. A recadación irá parar a un proxecto solidario nas Filipinas.

Cando e onde: Auditorio Gustavo Freire, 20h30

quinta-feira, 31 de março de 2011

Madeira de mulher

É o título dunha colectánea de contos de Adela Figueroa Panisse, ilustrado por M.ª Celsa Sánchez Vázquez.
A Galería Sargadelos de Lugo acollerá hoxe, ás 20h00, un acto  en que, para alén da das autoras, poderemos escoitar a palabra de Carme Blanco e a voz de Pilocha.

Como aínda non tivemos a oportunidade de ler a obra, recollemos no Portal Galego da Língua esta información, ampliábel no sitio da fonte:

O livro estrutura-se em diferentes partes:

Madeira de Mulher: com relatos tirados das vidas de mulheres e homens que passaram pelo nosso horizonte ou perto dele.

As Luparias: dois relatos que tentam conduzir ao leitor/a para a relação mágica entre lobas e mulheres através dum exercício onírico.

Salseiro e maruxia: que expressa a intima relação que temos com o mar, nomeadamente nesta Terra da Galiza.

Testemunhas: recolhem uma pequena coletânea de lenços de mulheres em seu papel de acompanhantes de homens ilustres ou, como no caso de Carme a da Ponte, a querida lembrança daquelas empregadas em casas de família que davam o tempo inteiro ao agarimo às crianças e transmitiam a sua inestimável cultura popular através da oralidade, que se transformava em sabedoria, sem terem recebido o justo reconhecimento.

Um pequeno relato ("Castanheiro Amoroso") refere ao assassinato de Camilo Diaz Valinho e Sixto Aguirre Guerin deitados nas bermas baixas duma estrada em Palas de Rei em 1936, deixando a árvore o seu protagonismo.

No fim da obra uma homenagem às nossas mães no continho “O Albornoz” como mostra da repressão que foi instaurada após o trunfo do fascismo em Espanha, relatada sob a amável imagem de lazer, dumas moças a tomar banho nas praias da Corunha.

sexta-feira, 25 de março de 2011

Compromiso


Neste serán, temos en lugo dúas oportunidades de nos comprometer coa realidade  máis próxima:

A primeira, ás 20h00 na Praza Maior, responde a unha convocatoria internacional (varios países hispanoamericanos  tamén van protestar) para nos opor ao maltrato aos animais.

Media hora despois, ás 20h30, no centro de convivencia Maruxa Mallo, o historiador e autor do Atlas Histórico da Galiza, José Manuel Barbosa,  e o profesor e escritor Calros Solla falarán sobre o patrimonio; a palestra responderá ao título Non vos imos gardar o segredo. Crónica da desfeita do patrimonio galego.
Estas palabras do profesor Solla, recollidas no seu blogue  O Embigo do Becho, tan infelizmente reveladoras da realidade que creamos, serven de orientación para o conteúdo da charla:

"Fagan quilómetros, crucen Galicia de norte a sur, de leste a oeste. Agás, fabas contadas, todo ao noso arredor semella froito da improvisación, da grosaría e da provisionalidade: a preservación da paisaxe, a xestión do patrimonio, a planificación urbanística... "

quarta-feira, 19 de janeiro de 2011

Teatro en Lugo

Con un día de atraso (desculpade), convidamos a seguirdes todas ou algunha das obras  que, nestes días, se encenan no auditorio Gustavo Freire, no decurso da XI Mostra de Teatro Clásico de Lugo.

Descoñecemos o motivo polo que, ano após ano, o Concello de Lugo, organizador do evento, escolle compañías teatrais que se expresan, na maioría, en lingua castellana; tamén na Galiza e en Portugal -por non nos alonxarmos moito, nin espacial, nin lingüisticamente- existen  grupos e creadores teatrais que encaixarían nesta mostra. Dito sexa por aquilo do multilingüismo.

Aquí no programa, temos información de cada unha das obras:


segunda-feira, 17 de janeiro de 2011

Máis alto e más claro que ninguén

Traducimos o título do El Progreso para noticiar o premio outorgado a Janette Freire, do IES Pedregal de Irimia, ao resultar vencedora no I Concurso de Lectura en Voz Alta Ler e Escoitar de que demos conta aquí. Janette leu mediante o sistema braille. Todo un exemplo a seguir!

Apesar de que, infelizmente, nós non tivemos representantes (esperaremos a outra edición, non é?), avecíñasenos o premio grazas a Borja Núñez (2º clasificado), do colexio Anexa, que esperamos ter en breve por aquí.

Parabéns para Janette e Borja e para o resto de persoal lector con premio -ou sen el-!!!

quarta-feira, 17 de novembro de 2010

Datas históricas e nova revista

No 1918,  hai hoxe 92 anos, comezaba en Lugo unha reunión que determinaría boa parte dos feitos posteriores en relación coa lingua e coa Galiza: estamos a referirnos ao primeiro encontro de todas as Irmandades da Fala que, desde o 1916, se foron organizando  pola maioría de vilas e cidades galegas.
Da (I)Asemblea Nazonalista de Lugo, como se coñeceu, naceu un manifesto cuxos obxectivos ainda están lonxe de se conseguiren: non deixes de o ler.

Como en anos anteriores, en Lugo conmemoraremos este fito da nosa historia, con participantes da Galiza toda: Sei O Que Nos Figestes... Nos Últimos 525 Anos e Cultura do País convócannos para o día 20 a varios actos:
- 17h30: Oferenda Floral diante o Hotel Méndez Núñez

- 18h30h: Palestra-Coloquio: Fuco Gomes, galego senlheiro, arredista revolucionário, co historiador Xurxo Martínez. Centro de Convivencia Maruja Mallo, no Carril das Hortas
Ao tempo, vai apresentarse unha nova publicación responsabilidade de Cultura do País, o número 1 de Ronsel da Cultura do País, homenaxe á vangardista Ronsel, para "dar a coñecer feitos, datas, nomes e costumes da nosa historia e da nosa cultura, silenciados pola cultura oficial imposta polo sistema. (...) Este primeiro número está adicado a Fuco Gómez, natural de Ouselle (Becerreá), quen, polo seu activismo cultural nos círculos da emigración, a súa firmeza ideolóxica e a súa implicación na creación de medios de comunicación en galego e o seu compromiso humanista cunha sociedade máis xusta fan del unha figura a recuperar e pór en valor".

quinta-feira, 4 de novembro de 2010

O noso anfiteatro

Hoxe non o temos; por non ter, non temos en Lugo un teatro nin un audiorio en condicións.
Os romanos si construíron nesta cidade un anfiteatro para uns 2.800 espectadores: eran tempos!
Hoxe, no  blogue Iniciarte, en que moito podemos aprender, divulgan información sobre esta edificación que, polo que se anosa e polo seu interese, recollemos:

De tamaño reducido para a súa tipoloxía, tiña unha capacidade para aproximadamente 2.800 espectadores, de acordo co número de habitantes da cidade de Lucus Augusti.

Posúe unhas dimensións exteriores de 234 x 216 pés, (69.26 x 63.93 m.) en ambos os eixos, que son múltiplos das dimensións 13 e 12 que compón a escuadra pitagórica que rexe a xeometría da cidade e os seus edificios.

O anfiteatro está situado no exterior da urbe, na fachada oeste-suroeste, no camiño de acceso á porta principal da cidade que, desde o Decumanus Máximo comunicaba directamente coa vía proveniente de Braccara Augusta, o río Miño e as termas medicinais existentes na súa beira. Nesta ladeira construíronse ao longo do século I d.C. ademais do anfiteatro, a palestra dos gladiadores, o templo de Isis, (de acordo ao mandato expreso de Augusto), e o templo de Venus.

O eixo principal do anfiteatro, que o é tamén da palestra, nace xeometricamente no centro da porta do templo de Isis e termina na porta do templo de Venus. Esta xeometría urbana explica a estudada relación dos edificios nesta zona. Este eixo principal segue a dirección marcada pola escuadra pitagórica que rexe a cidade. 
Estes catro edificios, xeraban unha gran actividade e afluencia de visitas, as súas características e cultos facían desta zona da cidade a máis atractiva para o lecer dos habitantes de todo o convento. Asociados a eles existían adegas e prostíbulos que configuraban o lugar como o máis concorrido de toda a urbe.






O texto orixinal, as imaxes e o vídeo proceden de Amphitheatrum. Máis información sobre este tema, aquí.

quinta-feira, 28 de outubro de 2010

Hoxe en Lugo

Para coñecermos algo máis de dúas personalidades das nosas Letras, Rosalía Castro e Ricardo Carvalho Calero, recomendamos a asistencia hoxe a dous actos:

* O primero, celebrarase na rúa, concretamente á altura do número 7 do Carril dos Loureiros, ás 19h00 para render homenaxe a D. Ricardo Carvalho Calero no centenario do seu nacimento.
Perante a ocultación oficial, son numerosos os colectivos e as persoas que desexamos ter presentes os múltiplos contributos aos estudos lingüísticos e literarios do profesor Carvalho e recordalo publicamente sempre que sexa posíbel.
Para saber máis sobre as celebracións do seu centenario, entra aquí.

* O segundo comezará unha hora máis tarde, ás 20h00 no Museo de Lugo, no marco da exposición de que falamos hai uns días, Rosalía sempre viva. Viva Rosalía. Trátase da apresentación do libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010) de María Pilar García Negro.

quarta-feira, 20 de outubro de 2010

Rosalia sempre viva. Viva Rosalía!

Con este título, a Fundación Manuel María elaborou unha exposición itinerante, inaugurada onte no Museo de Lugo. Un excelente contributo-homenaxe a Rosalía no 125 aniversario do seu falecemento.
A mostra, de especial interese para o alumnado, compleméntase con este vídeo e coa guía didáctica que deixamos aquí.

Quen non teña posibilidade de acudir ao museo, pode facer un percurso visual aquí

E, mañá, día 21, poderemos aínda asistir ao recital-concerto Ao raso coas lebres. Versos de Rosalía de Castro que a compañía Casahamlet apresentará, tamén no museo, ás 20h.
A non perder.

sexta-feira, 15 de outubro de 2010

Hoxe recende a salgado en Lugo

O cheiriño xa está dentro de quen leu a novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas; quen quixer aproximarse da fonte do aroma non debe faltar hoxe á apresentación da obra: acontecerá este serán, ás 20h00 na sala Sargadelos.
Para os editores, "son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais, tecida con fíos multicolores de personaxes que se entrelazan dende unha aparente desconexión inicial para acabar nunha frenética sinfonía vital, tráxica e vibrante, trepidante, delicada, por veces romántica, e a un tempo crúa e dura como a realidade que lle serve de marco de referencia. Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado e como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia." Para alén destas consideracións, nós encontramos nesta primeira novela de M. Portas unha diversidade de aromas moi ben tecidos: é notoria a presenza arousá, xénese das personaxes, mais hai aroma a compromiso e a Terra, sen que os necesarios localismos priven a obra de valores universais.

quarta-feira, 14 de abril de 2010

Castelao. A derradeira lección do mestre

 A non perder:
Hoxe inaugúrase no Museo Provincial de Lugo esta Exposición que  se corresponde con obra realizada por Castelao entre os anos 1936 e 1950. O acaso fixo que, tamén hoxe, o Parlamento da Galiza declarase a obra de Castelao como Ben de Interese Cultural (BIC).

Con entrada gratuíta, os horarios da exposición son estes:
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
De María do Pilar García Negro e Felipe-Senén López Gómez, comisiarios da exposición, seleccionamos o inicio do emotivo texto con que a apresentan e que se pode ler á íntegra na páxina do Museo:

"No 7 de Xaneiro deste 2010 cumpríronse 60 anos da morte de Castelao. Esta Exposición a el dedicada quer, a pé feito, conxurar unha perniciosa parsimonia, non casual, a que nos leva a demorar de máis no coñecemento da nosa historia e, por tanto, a ignorármonos nós mesmos. O caso de CASTELAO (Galiza Rianxo, 1886 -Buenos Aires, 1950) é particularmente chamativo, porque se dá a circunstancia de que non só constitúe un precioso antecedente cultural e político, senón que o pensamento e a praxe por el elaborados están aínda lonxe de teren cumprimento na Terra a que serviu. Non está superado.
Entre o silencio e o ditirambo oco hai un camiño considerábel, o do coñecemento actualizado, a perspec-tiva realista e o dereito a orgullármonos da nosa propria historia, a comezar pola que nos significou de forma digna, non a que nos caricaturizou inclemente. Este necesario coñecemento de nós, este reencontro, é o que pretendemos con esta Exposición montada arredor da maior personalidade galega do século XX, Castelao. A importancia e a transcendencia da súa obra fan del un compatriota invulgar, porque aunou, en toda a súa actividade, múltiplas funcións artísticas e políticas, como debuxante, pintor, xornalista, carica¬turista, ilustrador, escritor, pensador e político nacionalista. Mais todas as faces deste poliedro tan fértil obedecen a unha mesma motivación e aspiración: a significación cultural e a representación política da Galiza como nación que debía ser coñecida e recoñecida como tal, tanto fóra como dentro dela mesma. Porque non abdicou nunca, en toda a súa vida adulta, dun duplo deber: a devolución aos galegos da súa historia e da súa cultura, e a proxección do universo galego en España e no mundo".

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...