Hoxe inaugúrase no Museo Provincial de Lugo esta Exposición que se corresponde con obra realizada por Castelao entre os anos 1936 e 1950. O acaso fixo que, tamén hoxe, o Parlamento da Galiza declarase a obra de Castelao como Ben de Interese Cultural (BIC).
Con entrada gratuíta, os horarios da exposición son estes:
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
De María do Pilar García Negro e Felipe-Senén López Gómez, comisiarios da exposición, seleccionamos o inicio do emotivo texto con que a apresentan e que se pode ler á íntegra na páxina do Museo:

Entre o silencio e o ditirambo oco hai un camiño considerábel, o do coñecemento actualizado, a perspec-tiva realista e o dereito a orgullármonos da nosa propria historia, a comezar pola que nos significou de forma digna, non a que nos caricaturizou inclemente. Este necesario coñecemento de nós, este reencontro, é o que pretendemos con esta Exposición montada arredor da maior personalidade galega do século XX, Castelao. A importancia e a transcendencia da súa obra fan del un compatriota invulgar, porque aunou, en toda a súa actividade, múltiplas funcións artísticas e políticas, como debuxante, pintor, xornalista, carica¬turista, ilustrador, escritor, pensador e político nacionalista. Mais todas as faces deste poliedro tan fértil obedecen a unha mesma motivación e aspiración: a significación cultural e a representación política da Galiza como nación que debía ser coñecida e recoñecida como tal, tanto fóra como dentro dela mesma. Porque non abdicou nunca, en toda a súa vida adulta, dun duplo deber: a devolución aos galegos da súa historia e da súa cultura, e a proxección do universo galego en España e no mundo".
1 comentário:
Venho de ali. Umha maravilha de inauguraçom, sobretudo graças à intervençom de Pilar Garcia Negro. É de destacar também a mençom (por parte do representante do Parlamento galego no acto) do recentemente falecido Antom Moreda, de quem destacou o trabalho por manter vivo o legado intelectual e político de Castelao.
Enviar um comentário