Mostrar mensagens com a etiqueta Lingua. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Lingua. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 20 de maio de 2016

A lingua sabe a historia - A historia sabe a lingua

Tendo como base a exposición do hall, ideada polo Equipo de Normalización Lingüística, e coa colaboración da Comunidade Educativa, o alumnado de 3º e 4º de ESO participa nun concurso organizado tamén polo EDNL. Durante toda a semana, os distintos grupos participaron utilizando o seu teléfono móbil para dar as respostas.
 Este luns, 23 de maio, os equipos finalistas terán a súa grande final.
Ánimo a todos e todas!





domingo, 7 de abril de 2013

Ops!

Ops!- Exlamación usada cando nos damos conta de algo que xa sabíamos.
Ops- Divindade relacionada coa fertilidade e a terra, padroeira da  riqueza e  da prosperidade.
Ops- O Português Simples 


Xeralmente, na Galiza non nos apercebemos da riqueza que posuímos só por termos unha lingua que nos coloca nunha posición de vantaxa frente a outros pobos: co galego,
podemos comunicarnos con máis de 200 millóns de persoas.
Sermos conscientes desta realidade é o obxectivo fundamental dos ateliés Ops. O Português Simples que teremos nesta semana no instituto, grazas á axuda económica da Área de Cultura da Deputación de Lugo. 
Nesta ocasión e perante a necesidade de escollermos destinatarios, os ateliés  dirixiranse a alumnado -e profesorado que poida/queira- de 2º, 3º e 4º de ESO, nos tres primeiros días da semana.
Estas son algunhas impresións de alumnado que asistiu a outros Ops!:

Aprendemos que grazas ao galego podémonos comunicar con moita xente porque o idioma de Portugal está entre as linguas máis faladas do mundo con máis de douscentos millóns de falantes. Algo que, ata o de agora, non nos pararamos a pensar. Rematamos o obradoiro apuntando unhas páxinas web para poder entrar ou investigar un pouquiño máis. Foi moi divertido.

Ciranda. À volta do português é un proxecto/empresa que oferece estes obradoiros -ideados pola AGAL-, á par de outros servizos de difusión lingüística e cultural. 

Unidade didáctica/Ops!

terça-feira, 26 de junho de 2012

Falarei para non deixar de soñar

Hoxe é unha entrada un tanto longa: desculpade, mais creo que vale a pena tanto ver o vídeo canto a lectura do relato.
Nestes últimos días, dentre esas creacións que se encontran nos libros, na rúa, na net... e que unha gostaba de comentar e partillar no momento porque son pequenas doses vitamínicas que nos  salvan cada día, escollín estas dúas para deixar aquí, a modo de despedida e para vos desexar un descanso cheo de vitalidade:

- Unha é o Lipdub Eu falarei, obra da comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela) como resultado dun longo proceso que comezou co inicio do curso escolar.
"Eu falarei, con música do "I will survive" de Gloria Gaynor, e cunha letra escrita polo EDLG de Chapela, é un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova".

- A outra é un texto  que Séchu Sende ofereceu ás amizades o día do seu aniversario nunha rede social: A muller que nom podia sonhar




 A mulher que nom podia sonhar

Conhecim-na numha festa na Casa do Brasil, no Bairro Alto, em Lisboa, haverá dez ou once anos.


Eu nunca viajara tam longe da casa e a viagem acabou ao final dumha escadaria de madeira num primeiro andar a rebentar de música. Como numha caixa totalmente cheia onde nom houvesse sítio para
o som mais pequeno. Os sons de percusiom aginha ocuparom tamém o meu corpo. Por isso pronunciar qualquer palavra era custoso, porque apenas havia lugar para elas.

A gente dançava como a cámara lenta, como se a música fosse um gas mesto e invisível, e amortecesse os movimentos dos corpos, como dentro da água. Eu abrim muito os olhos porque entre a gente que ocupava aquela sala pouco iluminada dei com persoas inesperadas: toda a gente era diferente. Quero dizer: mui, mui diferente.

Arregalei os olhos porque era como se naqueles cincuenta metros quadrados houvesse persoas dos cinco continentes. Lembro ficar a olhar um aborigem australiano a dançar com umha nórdica albina, lembro umha zigana com um t-shirt com a bandeira da roda de madeira, lembro gente asiática, umha mulher maior com roupa andina, um home com turbante branco, um grupo de brasileiros, claro, e muita muita muita mais gente. E ali, com a boca aberta, eu.

No centro daquel asombro de beleza, a beleza da diversidade, no centro da minha olhada, de súbito, estava ela, a dançar no centro do labirinto daquela festa. Era linda, era preciosa, com a sua roupa de cores brilhantes sobre a pel mais escura que eu nunca vira.

Ela fixo-me assi com o dedo, Vem, e eu fum atravessando a espiral em linha recta.

Levavamos três dias a durmir juntos e ao acordar umha manhá perguntei-lhe:

- Sonhache?

- Eu nom sonho, dixo.

Beijando-lhe umha orelha, desde atrás, perguntei com curiosidade:

- Porquê?

- Há três anos que nom sonho.

E sentim a frequéncia da tristeza a vibrar nas suas palavras. Ela deu-se a volta e olhou-me no fondo:

- Deixei de sonhar.

- Porquê?

- Nunca falei disto com ninguém... Fum deixando de sonhar pouco a pouco. Dizem que é algo que lhe sucede á gente do meu povo: quando deixamos de falar a nossa língua, deixamos de sonhar.

- Como?, perguntei como se nom comprendesse o que acabava de ouvir.

- Desde que cheguei a Lisboa, há cinco anos, fum deixando de falar a minha língua. Ao princípio telefonava á casa de vez em quando e falava com minha mai, falavamos com as nossas palavras, o nosso idioma. Mas há três anos minha mai morreu e a minha língua e mais eu ficamos soas aqui, longe. E, quase sem dar-me de conta, a medida que ia deixando de falar a língua do meu povo, pouco a pouco, fum deixando de sonhar. E um dia, umha manhá como a de hoje, ao abrir os olhos fum consciente de que havia muito tempo que nom sonhava. Desde aquela já nom podo sonhar.

- Nom podes sonhar..., susurrei assombrado. E ela baixou a olhada, desprotegida.

- Sempre pensei que as histórias que contavam as mulheres ás crianças ao pé do lume eram só histórias, fantasia.

-...

-... Quando minha mai me abraçou antes de subir ao autocarro que me levou ao aeroporto dixo-me: “Tem cuidado, nom deixes de sonhar”.

- ...

- Já ves, nom tivem muito cuidado. E agora nom podo sonhar, dixo. E foi fechando os olhos e afastou-se de mim para o outro lado da cama. A mulher que nom podia sonhar.

Umha semana despois eu voltei ao meu país. E desde aquela pergunto-me muitas vezes se a mulher que nom podia sonhar chegou a recuperar os seus sonhos algum dia.

Se a mulher que nom podia sonhar deixou de ser a mulher que nom podia sonhar.

quinta-feira, 17 de maio de 2012

Contra a crise (da lingua): Paz-Andrade

Ningún tópico tan sobado como o do amor a Galicia. Escoitamol-o a cotío, nos mais deversos tons decramatorios, ora pra matizar sentidas protestas de galeguismo, ora pra encubrir a turba aparencia de accións inxustificabres.
D-esa crás de amor a Galicia, pra uso de brandos sentementales e de malabareiros retóricos, queremos denunciar hoxe o que ten de truco inxenuo. Con tud-o amor a Galicia en que andan a se derreter xentes tales, ningún positivo ben se recada par-a Terra. Seguirá vivindo Galicia, coma dende fai catro longos séculos, en rexime de colonia, sen concencia esperta pra se rebelar e manumitir. É un amor que arrola, e, pol-o tanto, adurmiña no actual estancamento, na indinidade e na servidume.
(Revista A Fouce, nº 30, 1 de AbriI de 1931).

Xa pasou case un século desde a escrita destas palabras de Valentín Paz-Andrade que, infelizmente, ainda vigoran hoxe; os "malabareiros retóricos" continúan tendo á man o microfone ou o podio para ecoaren, en datas sinaladas e rituais, ese "amor" á terra e á lingua que, porén, non conseguiu adormecernos.
Especialmente hoxe, debemos estar alertas a esa malabareirice: será a que oculte  un inxente traballo sobre Valentín Paz Andrade (olla aquiaqui, aqui e Bibliotecas Escolares Galegas) e  boa parte do seu legado.

Como homenaxe a Paz-Andrade, podemos mergullar no coñecemento da sua constante reflexión  sobre a Galiza como proxecto de futuro; é sempre destacada a súa faceta de economista, mais non sempre se pon de relevo a concepción multidisciplinar  dos seus plantexamentos económicos, tamén proxectados para a lingua, unha lingua galega internacional, "transcontinental", anti-crise: 

¿Que camiño debe escoller Galiza para axustar a futura evolución da sua lingua? ... ¿Non pode d-algún xeito estar recramendo certa virada no rumo da política interna do idioma? ... ¿O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na sua evolución como idioma, ou ha de pender a mais estreita similaridade co-a lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e-o Brasil? ... Non se pretende chegar á unificación literal. mais trátase de conter a disociación, facendo os axustes necesarios pra aproveitar as ventaxas mútuas que un intertroque permanente podería proporciar. A ninguén se lle oculta que, da parte da Galiza, hai a gañar moito mais que a perder, si a relación entre unha e outra fala se avivece e sostén. (“A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa” in O Porvir da Lingua Galega. Círculo de las Artes, Lugo,1968

 Que sorte de cegueira pode aínda hoxe, co-a mellor intención, seguir pechando as portas do idioma, abertas car-a sua máis grandiosa froración humán e literaria? Cecais estamos diante do no máis tolledor da cultura galega, aínda que moitos non teñan reparado n-el.
(Epistolario 1997)



sexta-feira, 4 de maio de 2012

Venham mais cinco!


Veña quen o desexar: fica o convite feito!
Mañá, sábado, homenaxearemos no instituto o Zeca Afonso, a quen pertencen as palabras que dan título a este escrito.
  
Os Departamentos de Portugués dos centros en que se estuda lingua portuguesa en Lugo (Escola Oficial de Idiomas, IES Ánxel Fole e o noso propio centro) organizamos unha actividade que pretende, dunha parte, aproximar a cultura portuguesa do noso alumnado e da cidadania que queira participar e, de outra, homenaxear o grande cantor e poeta portugués, cando se completan 40 anos do seu primeiro concerto en Lugo.
Esperámosvos!




sábado, 12 de novembro de 2011

De utilidade


De certeza que, para moitas persoas, van ter interese estes dous sitios que apresentamos:

- O Compendio das cantigas medievais dos cancioneiros galego-portugueses, con ilustracións, versións musicais, imaxes dos cancioneiros... unha marabilla.

- O conxugador verbal Cilenis, xerador de conxugacións  en galego e en portugués (europeo e brasileiro).
Cilenis é unha empresa  creada en 2011 por membros do grupo de investigación ProLNat@GE, na Universidade de Santiago de Compostela. A ela debemos tamén o tradutor Opentrad.

Os enlaces, na columna lateral esquerda, no título Outras axudas.

sexta-feira, 17 de junho de 2011

Publicacións históricas na Rede

Alegrounos saber deste sitio da Net que disponibiliza algunhas relevantes revistas da nosa historia e, por iso, partillamos a información.
Referímonos ao  blogue Publicacións Galegas, que xa nos permite descarregar algún número das revistas históricas Nós, A Fouce ou A Nosa Terra.
O site apreséntase con estas certeiras  palabras:

"Hoxe en día a rede é a principal fonte de información para moitos de nós, non obstante, por moito que un busque, non atopa moitas cousas que deberían estar na rede dende hai ben de tempo, entre estas cousas, atópase a Revista Nós, ou os xornais A Nosa Terra ou A Fouce. Sorprende que non se poida consultar esta excepcional revista, exceptuando algún artigo en concreto, con todo o que supuxo para a nosa cultura.
Por isto é polo que decidin colgala na rede para que a poida ler quen queira."

domingo, 15 de maio de 2011

Educación: A escola das areas

A escola das areas é o título desta curta de animación, publicada xa no ano pasado e que antes podíamos ver en  Flocos, sitio cuxa desaparición ten bastante a ver co trato que se está a dar á lingua.

Segundo informan os creadores, a curta está baseada nun texto de Frei Martín Sarmiento, que ven a Pontevedra para buscar un remedio para a variola. Alí discute cun mestre sobre a necesidade de lles ensinar aos nenos o galego. Para demostrar a súa tese en favor do noso idioma, Sarmiento aposta que pode ensinarlle a un rapaz, Alfonsiño, a ler e escribir en tres días co seu propio método educativo.


sábado, 7 de maio de 2011

O músculo da lingua

Interesante artigo do Séche Sende, onte en Galicia Confidencial, hoxe no Diário Liberdade:


Diremos de entrada, e com poder metafórico mas com precisom científica, que a língua é o único músculo de movimento voluntário que nunca se fatiga. Tem-se dito que a língua é o músculo mais forte, aínda que realmente esse é um mérito que lhe corresponde ao glúteo máximo –as nádegas- sem o qual nom poderiamos caminhar de pé. Vaia, a língua é um dos músculos mais elásticos e enérgicos e ademais o único que se move em qualquer direcçom. Um músculo práctico e valioso. Mas qual é a importáncia deste músculo no debate sociolingüístico?
Falar qualquer língua requer um adestramento muscular muitas vezes inconsciente mas fundamental para a correcta reproduçom dos sons. O ser humano nasce com os órgaos preparados para produzir sons de qualquer língua. Quando começamos a falar nem nos damos conta do processo polo qual esse músculo que temos na boca adquire destreza lingüística. Mas este treinamento múscular fai-se mais consciente quando aprendemos outras línguas ao medrar.
Muitas vezes perguntamo-nos Que curioso, Maria leva aquí toda a vida e nom dá falado galego e ás vezes responde alguém: Es que no se le dá. Este texto vai dirigido para toda essa gente, porque vamos basear-nos nos exercícios estruturais (ou “Pattern drills”) para umha aprendizagem lingúística acelerativa. Por meio da repetiçom sistemática sobre um modelo (ou “pattern”) adestraremos os movimentos anatómicos mais acaídos ao nosso idioma e superaremos essa dificuldade de saída articulatória: “Es que no me sale”
Quando umha persoa sente que o galego “nom lhe sae” podemos pensar num problema cultural, psicológico ou ideológico mas nunca que detrás desse deficit  pode haver um problema anatómico. Si, anatómico. Ou de articulaçom. E muitas vezes identificamos a aprendizagem do galego com actividades morfo-sintácticas ou léxico-semánticas quando o que realmente se precisam som exercícios de treinamento muscular.
Acordo-me agora de Carmen, umha profe de história que chegou de Madrid e me contratou como professor particular de língua para poder impartir as aulas em galego. Recordo que gastavamos o mais do tempo em treinamento da língua: caixxxa, xxxa, xxxa.Repite: Ai-la-lei-lo, ai-la-lai-la. Se vou a Bueu num bou, vou, se nom vou a Bueu num bou, nom vou! Mais que um professor de língua ás vezes sentia-me como um monitor num ginásio: Mui bem,, agora mais arriba, mais abaixo, no padal! um pouco mais, venha, agora com a ponta da língua! Assi, si, siiii!
Para a gente que tem dificultades para falar galego –porque nom lhe dá saído ou pensa que nom lhe senta bem ou porque lhe custa fala-lo- é mui recomendável o treinamento muscular da língua. Familiarizará o seu músculo com o nosso idioma até que a sua pronúncia seja natural e nada estranha., como própria, até sentir como seu o nosso idioma.
Por isso, como iniciaçom indicada para persoas ás que lhes custa falar galego –levem aquí toda a vida ou acabem de chegar- estes som alguns exercícios para agilizar a língua:
Abrir a boca, sacar a língua e levanta-la muito e despois baixa-la muito.
Mover a ponta da língua lateralmente, de esquerda á direita, fora da boca.
Repetir os movimentos anteriores en dous, tres e quatro tempos.
Descreber umha circunferéncia fora da boca com a ponta da língua, lentamente primeiro, logo mui rapidíssimo.
Facer como que se limpam os dentes com a língua.
Sacar e meter a língua na boca, lenta e rapidamente.
Intentar tocar com a ponta da língua a ponta do naris.
Podo asegurar que os resultados chegam ao pouco tempo, por própria experiéncia: eu comecei a falar galego na adolescéncia movendo a língua diante do espelho. Afazendo-me. Porque ao principio fazia-se-me raro… mas com um pouco de práctica e algo de ginásio… solta-se a falar a nom para! Já sabedes: temos umha língua que nunca se fatiga, forte, enérgica, ágil, práctica, valiosa, que se move em qualquer direcçom.

segunda-feira, 2 de maio de 2011

Lingua minoritaria?

Acabo de recibir no correo unha ligazón para este recente vídeo:


E se consideramos que, só cruzando unha porta, temos o portugués, cal a posición que ocupamos?

segunda-feira, 25 de abril de 2011

Matemáticas. Recursos MEC en lingua galega

Parece que as diferentes administracións que regulan a vida académica non camiñan na mesma dirección:
É sabido que neste curso académico, a docencia das Matemáticas, segundo ditame da Xunta de Galiza, debe ser feita en castellano; porén, o Ministerio de Educación (MEC) acaba de disponibilizar un magnífico material para o estudo da disciplina, neste caso, en lingua galega. Son  60 unidades didácticas que abranxen a programación do Ensino Secundario Obrigatorio.

Alégranos a ausencia de prexuízos lingüísticos, en relación á materia  referida, do MEC.
Aquí pode consultarse un informe sobre os materiais e aquí accédese aos recursos.

Fonte

quinta-feira, 7 de abril de 2011

Suscribes esta carta?

En ProLingua encontramos esta carta que Xabier Cordal dirixe  ás persoas responsábeis de Marineda City, centro comercial  que na semana próxima abre as súas portas na Coruña; na campaña publicitaria que lanzou "presume" de ignorar a lingua de máis do 50% da súa potencial clientela.
Concordando co expresado co  poeta X. Cordal, podes enviar esta ou outra carta ao centro comercial, a este enderezo electrónico: comunicacion ARROBA marinedacity.es

Ofrézome como asesor publicitario e dígolles a vostedes, de maneira totalmente gratuíta, que a campaña de lanzamento do seu centro comercial se dirixe a unha Galicia que non existe. Ninguén discute que haxa centos de miles de persoas que falan habitualmente en castelán no noso país; o que parece incrible é que ignoren vostedes que máis do 50% da poboación se expresa en galego. E como demostran as campañas doutras empresas con menos prexuízos ca esta (vid. "R"), o uso do noso idioma na publicidade é un elemento de prestixio e de interese para o público. Co uso exclusivo do castelán, incluso na TVG!!, parecen insinuar vostedes que non lles interesa o cliente potencial máis numeroso, o que usa o galego -por fortuna, cada vez con menos complexo; incluso cando o usa pouco e, en moitas ocasións, tamén orgulloso del mesmo cando non o usa-. Se pensan que a imaxe de modernidade e a lingua deste país son incompatibles, máis ca unha boa estratexia de publicidade precisan terapia nun centro de ensino medio. Pode que estes detalles e estas reivindicacións lles parezan irrelevantes. Pero eu, como coruñés, farei o posible por que a miña familia, que son uns cantos membros, non pisen o centro comercial mentres non mostre respecto por TODA a clientela e non unicamente por aquela que, con criterio cosmopailán, parecen asociar vostedes aos "grandes" (?) números. Están a tempo de rectificar. Se non o fan algúns seguiremos indo ao pequeno comercio, tan necesitado de apoio, e garántolles que faremos o que estea na nosa man por espallar este desprezo persoal e colectivo. Cando digo "faremos" se cadra pensen que somos catro. Continúan calculando mal. Que teñan un bo día.

quarta-feira, 16 de março de 2011

O triángulo de Sierpinski

De Carta Xeométrica, este fragmento dun dos seus sempre interesantes posts:

Eu andaba remexendo pola arañeira da rede, nas miñas cousas, cando atopei unha activade do IES de Ponteceso sobre matemáticas, claro. Chamoume a atención que estiveran á procura de 3267 = 11*11*3*3*3 latas. Con elas pretenden facer un modelo do triángulo de Sierpinski, que non sería outra cousa que o que quedaría do triángulo que se pode ver pegado neste post se continuáramos realizando os pasos que se ven ata o infinito.



Resulta que o tal triángulo de Sierpinski pareceume unha boa metáfora do proceso histórico de substitución do galego. Ao principio temos o triángulo cheo, todos falan en galego, despois do primeiro paso, sacámoslle un anaco, ou se preferides, a clase social dominante abandona a nosa lingua. Despois doutro paso, a cada un dos triángulos lle sacamos o seu anquiño correspondente ou, continuando a analoxía, os habitantes das grandes vilas e das cidades son agora os que se mudan ao castelán,... Claro que, desde un punto de vista estritamente matemático tamén podemos comenzar a encher os ocos triangulares, poñendo en cada un deles, por exemplo, primeiro un triángulo que ocupe o seu centro, e despois 3, un cada un dos tres oquiños máis pequenos que van quedando, e despois 9 máis, e 27, e 81...

quarta-feira, 17 de novembro de 2010

Datas históricas e nova revista

No 1918,  hai hoxe 92 anos, comezaba en Lugo unha reunión que determinaría boa parte dos feitos posteriores en relación coa lingua e coa Galiza: estamos a referirnos ao primeiro encontro de todas as Irmandades da Fala que, desde o 1916, se foron organizando  pola maioría de vilas e cidades galegas.
Da (I)Asemblea Nazonalista de Lugo, como se coñeceu, naceu un manifesto cuxos obxectivos ainda están lonxe de se conseguiren: non deixes de o ler.

Como en anos anteriores, en Lugo conmemoraremos este fito da nosa historia, con participantes da Galiza toda: Sei O Que Nos Figestes... Nos Últimos 525 Anos e Cultura do País convócannos para o día 20 a varios actos:
- 17h30: Oferenda Floral diante o Hotel Méndez Núñez

- 18h30h: Palestra-Coloquio: Fuco Gomes, galego senlheiro, arredista revolucionário, co historiador Xurxo Martínez. Centro de Convivencia Maruja Mallo, no Carril das Hortas
Ao tempo, vai apresentarse unha nova publicación responsabilidade de Cultura do País, o número 1 de Ronsel da Cultura do País, homenaxe á vangardista Ronsel, para "dar a coñecer feitos, datas, nomes e costumes da nosa historia e da nosa cultura, silenciados pola cultura oficial imposta polo sistema. (...) Este primeiro número está adicado a Fuco Gómez, natural de Ouselle (Becerreá), quen, polo seu activismo cultural nos círculos da emigración, a súa firmeza ideolóxica e a súa implicación na creación de medios de comunicación en galego e o seu compromiso humanista cunha sociedade máis xusta fan del unha figura a recuperar e pór en valor".

quarta-feira, 10 de novembro de 2010

Ciencia en galego. Semana de Ciencia

Na semana pasada, no instituto houbo diferentes actividades relacionadas coa Ciencia en Galego, efeméride que, apartir deste ano, se celebrará o día 4 de novembro.
Deixamos por aquí algún testemuño gráfico (Exposición de libros, exposición micolóxica, Videoconferencia da CERN para alumnado de Física...):

Semana da Ciencia on PhotoPeach

quinta-feira, 21 de outubro de 2010

Dia da Ciencia

De ProLingua recebemos esta información que encontramos do voso interese. Non deixemos de colaborar:

"A partir deste ano 2010, o 4 de novembro convertase para as galegas e os galegos nunha cita puntual coa ciencia en galego, que nos permitirá achergarnos, educativa e socialmente, a aquelas persoas que dedicaron a súa vida ao desenvolvemento e avance da sociedade desde a súa entrega e achegas á evolución do coñecemento científico.
ProLingua parabenízase desta inicitiva que este ano nos guiará polo perfil do astrónomo e matemático galego Ramón María Aller Ulloa (1878-1966), do físico escocés James Clerk Maxwell (1831-1879) e mais de Afonso X O Sabio (1221-1284), un dos maiores poetas galegos de todos os tempos e un dos científicos universais pola súa contribución ao progreso da ciencia europea.
ProLingua tamén quere colaborar coa Semana da Ciencia en Galego activamente e para iso convida a todos e todas as asinantes do seu manifesto fundacional a escribiren e nos enviaren un texto en formato de conto, poema, microrrelato, relato curto, aforismos, etc., sempre que no seu argumento, na súa estrutura ou na súa linguaxe apareza a ciencia. Os textos deberán ser enviados, antes do 31 de outubro, ao enderezo electrónico prolinguagalega@gmail.com.
Unha vez concluído o prazo, as vosas achegas serán subidas á web como contributo colectivo a unha visión contemporánea e literaria da ciencia en galego en Galicia".

Ao tempo, desde a A CGENDL convidánnos para participarmos na Xornada da Ciencia en Galego cos obxectivos de:
- Mostrar á sociedade a idoneidade do desenvolvemento das materias científico-tecnolóxicas en galego.
- Expresar publicamente que as linguas se aprenden usándoas en todos os contextos,
tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.
- Expresar publicamente que todas as linguas son válidas para a expresión
científica.
Toda a información, aquí.

segunda-feira, 21 de junho de 2010

Biodiversidade e língua: Proxecto Carvalho

Se non coñeces o Proxecto Carvalho, aglutinador de dous campos que semellan afastados -a reforestación e a lingua-, aquí cho apresentamos, tomando as palabras do seu sitio web; as vacacións tamén se poden  aproveitar para facer algún contributo.

"Carvalho é un proxecto de tradución automática de código aberto e sustentábel entre o inglés e o galego, encadrado dentro da plataforma de servizos de tradución automática Opentrad.
 Coa túa contribución podes axudar a que medre e mellore e tamén axudar o planeta.
 Para iso só é preciso que enriquezas o tradutor estatístico con corpus inglés-portugués, e que os convertas para inglés-galego coa axuda dunhas ferramentas dispoñibles en liña. A tecnoloxía deste proxecto ten licenza GPL e todos podemos acceder a ela.
 Canto máis palabras teñamos, mellor funcionará o tradutor automático! E non só iso, senón que ademais a medida que vaia medrando o corpus iremos plantando árbores autóctonas, comezando pola zona de Forcarei.
 Mellora o tradutor e nós plantaremos árbores!"

Aquí temos explicacións pormenorizadas para sabermos como contribuír; tamén neste vídeo:

terça-feira, 15 de junho de 2010

10 razóns para elixirmos galego como lingua materna

Como estabelece o decreto do plurilingüismo, as nais e pais deberán responder a unha pregunta sobre a lingua materna que se formulará no momento de matriculación do alumnado do primeiro ano do segundo ciclo de Infantil, entre o 20 e 30 de xuño.


Sexa como for, a asociación de Nais e Pais polo Ensino en Galego fornécenos de 10 poderosas razóns para elixirmos nesta escolla, o galego como lingua materna.



decalogoInfantil

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...