quinta-feira, 7 de abril de 2011

Suscribes esta carta?

En ProLingua encontramos esta carta que Xabier Cordal dirixe  ás persoas responsábeis de Marineda City, centro comercial  que na semana próxima abre as súas portas na Coruña; na campaña publicitaria que lanzou "presume" de ignorar a lingua de máis do 50% da súa potencial clientela.
Concordando co expresado co  poeta X. Cordal, podes enviar esta ou outra carta ao centro comercial, a este enderezo electrónico: comunicacion ARROBA marinedacity.es

Ofrézome como asesor publicitario e dígolles a vostedes, de maneira totalmente gratuíta, que a campaña de lanzamento do seu centro comercial se dirixe a unha Galicia que non existe. Ninguén discute que haxa centos de miles de persoas que falan habitualmente en castelán no noso país; o que parece incrible é que ignoren vostedes que máis do 50% da poboación se expresa en galego. E como demostran as campañas doutras empresas con menos prexuízos ca esta (vid. "R"), o uso do noso idioma na publicidade é un elemento de prestixio e de interese para o público. Co uso exclusivo do castelán, incluso na TVG!!, parecen insinuar vostedes que non lles interesa o cliente potencial máis numeroso, o que usa o galego -por fortuna, cada vez con menos complexo; incluso cando o usa pouco e, en moitas ocasións, tamén orgulloso del mesmo cando non o usa-. Se pensan que a imaxe de modernidade e a lingua deste país son incompatibles, máis ca unha boa estratexia de publicidade precisan terapia nun centro de ensino medio. Pode que estes detalles e estas reivindicacións lles parezan irrelevantes. Pero eu, como coruñés, farei o posible por que a miña familia, que son uns cantos membros, non pisen o centro comercial mentres non mostre respecto por TODA a clientela e non unicamente por aquela que, con criterio cosmopailán, parecen asociar vostedes aos "grandes" (?) números. Están a tempo de rectificar. Se non o fan algúns seguiremos indo ao pequeno comercio, tan necesitado de apoio, e garántolles que faremos o que estea na nosa man por espallar este desprezo persoal e colectivo. Cando digo "faremos" se cadra pensen que somos catro. Continúan calculando mal. Que teñan un bo día.

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...