domingo, 6 de dezembro de 2009

O mapa de Fontán, ao noso lado

Esta carta xeométrica de 1845, da autoría de D. Domingos Fontán,  foi o primeiro mapa de Galiza elaborado con método científico e medicións matemáticas.

Do orixinal, gardado na Fundación Domingo Fontán, só se conservan 6 copias; pois ben, unha delas témola moi pertiño,  no instituto Lucus Augusti e pódese visitar no horario en que o centro ten actividade lectiva.
Esta copia ten algo noso tamén: segundo parece, o mapa estivo no instituto de Lugo que se ubicaba no pazo provincial (deputación), o único existente até que se crearon o hoxe denominado Lucus Augusti e o noso instituto (orixinalmente masculino e feminino, respectivamente).
O mapa encontrouno,  hai dez anos, un funcionario que o salvou da humidade que o estaba destruindo nos locais de Obras Públicas. Restaurado, a DeputaciónProvincial cedeuno, por dous anos,  ao noso centro viciño. Quen sabe se algun día nós podemos tamén emocionarnos con el nun lugar principal do instituto.

Entre outros, dous dos nosos grandes creadores, Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro, deixaron formosas e emotivas palabras sobre o que para eles significou o mapa. Deles, seleccionamos estas:

"O "Fontán" como se lle chama xeralmente, presidía o despacho do meu pai na nosa vella e amada casa da aldea. De neno, subido a unha cadeira ou á mesa, seguía o curso dun río, o ondular ascendente dunha rexión de "Chaos" e montículos rematada na alta serra, admiraba o debuxo forte, preciso e xentil das Rías, perdíame na proliferación dos altos vales, imaxinaba o contorno afectuoso das cidades e vilas. E despois coa alma plena de imaxinados horizontes acudía á pétrea solaina para deixarme envolver na cósmica pulsación dos amplos horizontes da miña casa e da miña infancia. E era grande a miña alegría ó descubrir desde a miña solaina algunha sinal do horizonte representado no mapa: A curva do Suído, a graciosa escultura do Coto de Novelle, o trazo a un tempo firme e dubidoso do Val de Barbantiño...." (Dedicatoria de D. Ramón Otero Pedrayo ao facsímile editado pola Asociación do Corpo Nacional de Topógrafos. Madrid, decembro de 1.974)



"E luciron as feituras das serras, os encaixes das costas, a gracia dos vales (...)
Era o mapa quen falaba operando taumaturxicamente coa gracia e a beleza dos nomes na lembranza. Algúns pequeniños de lugares arreconchegados espallaban potente luz. E na imaxinación dos emigrados a campá do seu lugar, o acento da súa comarca, subían das néboas mestas a unha nova e consoladora verdade." (Otero Pedrayo en  Parladoiro)

"Ben, a cousa foi que un día, nos corredores do Instituto de Lugo, no edificio da Deputación, rua de San Marcos, instalado entón, encontrei co mapa de Galicia de don Domingo Fontán. Foi o meu gran encontro co meu país galego: alí estaba a miña terra, a terra da miña vocación e dos meus días, a terra temporal e a eterna, a terra que a miña lingua -a terra do meu obscuro acento labrego- necesitaba para soñar. Alí me detiven a contemplar as comarcas coñecidas, o camiño de Mondoñedo a Riotorto, de Mondoñedo a Foz, de Riotorto a Baltar e Meira, o curso do Masma, o do Miño, o áspero  Xistral de esquisto e soledade, o Valadouro; o Cadramón, o máis alto monte entre os meus viciños, e alí estaba nos seus mil metros sobrados, un Everest inacesíbel, cando desde Lindín se vía asomar, nu, asistindo impasíbel o paso das grandes e preñadas nubes do sudoeste, que aquí din vendaval, o "ventus validus", o poderoso."
(Adaptado de "Un mapa de Galicia", en O reino da chuvia)

Para saber máis, clica aquí.

1 comentário:

Anónimo disse...

EN EL BLOG"EL CIENTIFICO DOMINGO FONTAN"PODEIS VER LOS TRABAJOS DE CAMPO DE FONTAN,PARA LA REALIZACION DEL MAPA

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...