quarta-feira, 3 de fevereiro de 2010

Hoxe no Xornal de Galicia

Deixamos aquí este longo, mais interesante artigo publicado hoxe no Xornal de Galicia:

Queremos (matemáticas) en galego (I) por  Iván Area
 .
Hoxe en día circulan por internet numerosos correos que desde un punto de vista abstracto podemos clasificar dentro da categoría dos chamados ‘hoax’ (bulos). Trátase de mensaxes de correo electrónico con contidos falsos ou enganosos e cunha peculiaridade esencial: son altamente atraentes. Este tipo de mensaxes tentan semellar que veñen dunha fonte fiable ao tempo que, contando coa boa fe ou mesmo coa solidariedade do receptor, lle piden que os encamiñe aos enderezos electrónicos da túa axenda de correos. Por suposto que este tipo de iniciativas teñen finalidades; entre outras captar enderezos de correo electrónico para enviar correo lixo, virus, mensaxes con phishing ou máis bulo, tentar enganar o destinatario para que revele contrasinais ou acepte arquivos de malware ou confundir a opinión pública da sociedade. O que chama a atención en ocasións son algúns dos contidos, cuxa finalidade é facer caer no engano. Por citar algúns exemplos, un día, de repente, un rapaz (p.ex. de Bouzas) caeu ao chan fulminado por sufrir leptospirose, enfermidade producida polo veleno contido nos ouriños das ratas, xusto despois de beber un refresco de cola. Segundo a historia, “as latas de refrescos gárdanse en almacéns infectados polos roedores para despois seren transportadas ás tendas sen a debida limpeza”; tamén o que afirma que “unha determinada compañía telefónica comezou a cobrar polas chamadas perdidas”; ou aqueloutro que afirma que unha determinada bebida láctea é moi prexudicial para a saúde se se consome máis de 14 días seguidos, xa que a persoa deixa de desenvolver defensas. Este tipo de mensaxes non é nova e algunhas persoas lembrarán as cadeas de cartas.


Os ‘hoax’ basean a súa atracción no seu contido aparente, polo que as máis das veces toman a forma do que na cultura popular se deron en chamar as lendas urbanas. Richard Dorton definíunas coma “unha historia moderna, que nunca sucedeu, pero que é contada coma se fose certa”. Se tentamos caracterizar hoax e lendas urbanas dende unha perspectiva narrativa, poderíamos dicir que se tratan de pseudo-mitos. É xustamente na súa condición de narracións próximas ao mitolóxico onde atopamos o seu poder de atracción e mesmo a súa verosimilitude, xa que cumprirían unha función social. Podemos definir estas funcións de acordo coas que na antigüidade tiñan os mitos:


–función relixiosa: en canto á súa capacidade de xerar temor e humildade.
–función cosmogónica: en canto á súa capacidade prover unha explicación do mundo.
–función social: en canto mantén a orde e o poder establecido.
–función psicolóxica: en canto elimina dúbidas no individuo e contén a angustia existencial.

Outro tipo de comunicación especial tomada do mundo da informática é o chamado ‘fake’. Refírese xeralmente a un arquivo ou servidor falso que non é o que aparenta, situación que aparece con relativa frecuencia ao empregar programas de descargas (como os P2P). Por exemplo, cando unha persoa pensa que está a descargar unha película e resulta ser outra completamente distinta. Na súa orixe, o ‘fake’ proviña dos movementos ecoloxista e pacifista, ou sexa, de posicións subversivas. Pretendían ocupar temporalmente o discurso do poder para facer oír a súa mensaxe, que en condicións normais, estaba condenada ao silencio. Se o ‘hoax’ era atraente polo seu contido pseudomítico, o ‘fake’ faise atraente en tanto falsifica a aparencia doutro obxecto, mensaxe ou enunciador.
Creo que no discurso en relación ao ensino, máis concretamente no ensino das matemáticas, existen por parte do actual goberno galego unha serie de mensaxes que se sustentan nunha dinámica ‘hoax’ (pseudomito) e outros que se sustentan nunha dinámica ‘fake’ (falsificación). Vexamos o asunto un pouco máis polo miúdo.
Mensaxes/Hoax


I/ Dende determinados poderes están a transmitir a imposibilidade de impartir docencia de matemáticas en galego, empregando como argumento máis frecuente o exemplo dun profesor (ou profesora) que para referirse á operación aritmética que consiste en multiplicar dous por dous por dous empregou “dous ao caldeiro”. É claramente unha mensaxe/hoax, xa que, até onde eu sei, nunca se produciu. Debemos entón, sendo rigorosos, analizar cal é a función que cumpre difundir tal mensaxe, así como determinar porque a algunhas persoas lles pode resultar atraente ou crible. Se lembramos as funcións do mito, unha delas conectaba coa capacidade de xerar temor. Dende esta perspectiva, este mensaxe-hoax fomenta a xenofobia. E utilizo xenofobia dun xeito premeditado, xa que literalmente significa medo ao alleo, e por iso, quen o cre ou quen o difunde, considera o galego como algo alleo e que ademais debe ser temido. É o que ten o describir as cousas do mundo, que de xeito ineludible tamén se inclúe unha descrición dun mesmo.

II/ Outra das funcións do mito é a cosmogónica, é dicir, fornece explicacións do mundo. Pola contra, no exemplo citado, a mensaxe conecta coa ignorancia. Pensemos que realmente interpretamos a expresión “dous ao cubo” como un proceso que consiste en multiplicar o número dous por si mesmo tres veces. De feito, nada pasaría por empregar “dous ao caldeiro” xa que as matemáticas teñen a súa propia linguaxe. Porén, se queremos respectar a asociación entre o produto repetido e o cálculo do volume dunha figura cúbica, temos en galego o termo “cubo” que é perfectamente acaído ao respecto, polo que só un erro de tradución automática por máquina e sen revisión podería levar ao emprego da expresión “caldeiro” no seu lugar. O mesmo acontece en castelán e en calquera outra lingua se usaren traducións directas e mecánicas sen revisar. O curioso é que sabendo o problema que ás veces xeran as traducións automáticas, poucas veces pensamos que determinados lectores prefiren etiquetalas dende o prexuízo que dende o erro. Quizais deberíamos nomear este tipo de fenómenos coma prexuízos automáticos baseados nunha propiedade que comparte os correctores a algunhas persoas: a rixidez.

Nun nivel discursivo completamente distinto é interesante lembrar o proceso de axiomatización da xeometría. No ano 1899 o grande matemático David Hilbert publicaba Grundlagen der Geometrie en que substituía os tradicionais axiomas de Euclides por un conxunto formal de 21 axiomas, coa pretensión de evitar as debilidades detectadas nos do recoñecido matemático grego (daquela aínda se empregaban a nivel de libro de texto). O enfoque de Hilbert marcou o cambio ao sistema axiomático moderno no que os axiomas non se toman como verdades evidentes. Como sinalaba Hilbert, a xeometría pode tratar de cousas sobre as que temos poderosas intuicións pero non é preciso asignar un significado explícito aos conceptos indefinidos. Deste xeito podemos substituír elementos como o punto, a recta o plano e outros por mesas, cadeiras e xerras de cervexa ou outros obxectos para pasar a discutir as súas relacións definidas. Este Hilbert amosou na súa teorización unha cualidade ben diferente da rixidez chamada flexibilidade, que seguramente precisen tanto os correctores automáticos coma os prexuizosos automáticos.

III/ Unha terceira función do mito é a social, posto que estas narracións contribúen a manter a orde e o poder establecido. Nunha situación coma a que está o galego, cómpre dicir que o desenvolvemento da terminoloxía nun campo do saber é moi importante para a dignificación dunha lingua. Por iso, este tipo de mensaxes/hoax, non son neutros senón que son profundamente inmobilistas e conservadores. Pola contra, exemplos prácticos como o Vocabulario de Matemáticas que o profesor Xosé Masa da Universidade de Santiago de Compostela coordinou no ano 1995 para que poidamos coñecer o nome de moitos conceptos matemáticos en galego, castelán, inglés, e portugués é de alta utilidade á hora de facermos unha construción terminolóxica acaída para o noso estudantado. Por citar un exemplo, o concepto de conxunto limitado permite sen dúbidas un maior achegamento á internacionalización, como pode deducirse dos nomes en castelán (acotado) e inglés (limited). Non sexamos, pois, limitados como as persoas que criticaban o título da celebérrima película Foise co vento (Gone with the wind) pois non estaba ben traducida desde o castelán.

IV/ A última función dos mitos que quixera comentar é a psicolóxica, en canto como consideran ao suxeito. De feito, nesta función, postúlase que os suxeitos prefiren unha explicación tranquilizadora –aínda que sexa falsa–, a recoñecer que as cousas son ás veces complexas e que non existe unha explicación para todo, xa que esta última postura ás veces xera incerteza a angustia. Por iso, estas mensaxes/hoax teñen uns destinatarios conformistas e crédulos (supoño que é como máis lles gusta que se comporten os votantes, pero iso xa é outra cuestión). l

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...