terça-feira, 8 de março de 2011

8 de marzo: a loita continúa

O Dia Internacional da Muller (Traballadora) é unha xornada de solidariedade internacional. Despois de diferentes episodios de loita das mulleres, principalmente nos Estados Unidos e en Rusia, a referencia histórica principal das orixes deste día é a Segunda Conferencia Internacional das Mulleres Socialistas, realizada em 1910  en Copenhague;  foi aquí cando Clara Zetkin -e outras mulleres socialistas- apresentou uma resolución coa proposta de instituir oficialmente un día internacional das mulleres, símbolo da nosa participación activa  para transformarmos a nosa vida e a sociedade.

Hoxe propomos a implicación nunha  loita solidaria a que nos convidan Implicadas no Desenvolvimento. Referímonos á campaña 1 de 200 que é apresentada así:

A violencia de xénero é un fenómeno que toma diferentes formas en todas as sociedades e que ten as súas raíces na discriminación que mulleres e nenas padecemos en todo o mundo. Nalgunhas sociedades toma forma de burka, noutras de dote e noutras, de mulleres asasinadas polas súas parellas ou de nenas que morren de anorexia ou bulimia. A discriminación impide que as mulleres poidamos desenvolvernos como persoas a moitos niveis, que poidamos obter acceso a recursos, control sobre os nosos corpos ou tomar decisións. Esta situación dáse no Norte e no Sur, onde a discriminación de xénero, a pobreza e as relacións económicas desiguais co Norte agravan as condicións de vida das mulleres e nenas. Porén, todas as persoas en todos os lugares temos capacidade para cambiar esta situación. Na India, máis en concreto en Támil Nadu, son miles as mulleres que loitan contra o infanticidio feminino. Dende aquí ti podes unirte a elas e facer que as sociedades sexan un chan vizoso onde todas as persoas poidamos crecer e vivir con dignidade.

Máis de 200 nenas morren cada ano en Salem (India). 200 persoas poderían cambiar esta situación.
  Son varias as formas de nos implicar: clica aquí e escolle a que mellor se adecúe ás túas posibilidades.

Finalmente, recomendamos a lectura Wangari y los árboles de la paz, libro de Wangari Maathai; a loitadora queniana reúne, neste  Ano Internacional das Florestas e neste Día Internacional da Muller, unha dupla simboloxía, como din no blogue amigo de Bibloranca. Encontraralo na biblioteca.

Aínda suxerimos que pases por Trafegando Ronseis para coñeceres e aprender do que, para este día, nos deixan nos blogues das Bibliotecas Escolares Galegas e noutros sitios.

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...