sexta-feira, 15 de junho de 2012

Para recuperarmos forzas

Trafegando Ronseis continúa a ser un blogue de referencia   para as bibliotecas escolares; emociona, estimula  e da forza a lectura do post Ler non é clandestino que, parcialmente, reproducimos despois do vídeo que realizaron na biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Grandes! 
Oxalá noutros centros se (re)coñeza a importancia e se incentive  o traballo nas bibliotecas escolares!





Á hora de comezar esta entrada, un nó na gorxa atenázame. Non sei o que vou escribir, aínda que si sei todo o que vou obviar porque o espazo é o que é. Esta é a miña despedida de Forcarei, volvo para o próximo curso á miña praza de Silleda. Estar en Forcarei estes dous cursos foi un luxo. Dous equipos directivos diferentes que confiaron en min plenamente para dinamizar a biblioteca, que me apoiaron constantemente en todas as actividades, que me sorriron... canto vale un sorriso para non sentirse só! Con compañeiras que levo no corazón para sempre...
A isto súmase unha circunstancia especial que me fai agradecerlle á vida a súa xenerosidade. Coñecer a Anxo en Silleda e traballar con el cóbado con cóbado aqueles tantos anos fixo que a nosa amizade superara calquera expectativa. Non crin que fósemos coincidir nunca máis. E aquí estamos, un curso máis. Non sei se é moi arriscado dicir que Anxo é o meu complemento perfecto: como explicar esta interacción laboral? Son moitos os recordos que nos unen, teño que admitir que ten a capacidade de comprenderme perfectamente e de facerme poñer os pés na terra cando chego coas miñas ideas. Realmente, a Consellería non debería permitir que se desfaga este tándem!
Para despedirme de Forcarei quería facer algo especial: un vídeo de Fomento da Lectura. Penseino hai moitos meses: mesmo elixira unha canción de fondo para facelo. Pero o decorrer dos días foi atrasando a iniciativa e un día chegou Anxo: "sei a canción ideal para o vídeo". E puxémonos a redactar. Claro que contar co oído de Anxo para escribir unha canción sobre un tema determinado é indispensable. Pretendía eu reflectir todo o que a lectura nos ofrece e quedaron palabras esparexidas nos folios empregados. Pero aquí está. E creo que o resultado é ben positivo!
O resto é froito do seu labor e da súa infinita paciencia. El pon esa voz de luxo que vai envexar Manu Chao. El manexa a cámara e fai a composición. Así despídese calquera! Estou emocionada co resultado: agardo que vos guste tanto como a min.
Como despedirme da dinamización da biblioteca? Por que un vídeo de fomento da lectura?
Fomentamos a lectura porque cremos nela como un Valor. Ese Valor ausente na nosa sociedade de consumo sen reparos en ser deshonestos cunha soa relixión: o diñeiro.
Cremos na lectura como solución.
Cremos na lectura como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría.
Cremos na lectura como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do horizonte sen fin.
Cremos na lectura como CULTURA.
E sobre todo cremos na lectura no noso idioma, na nosa lingua. Porque só defendendo ambas cousas, LINGUA E CULTURA, o noso país terá futuro de seu.

1 comentário:

Ronsel disse...

Moitísimas grazas polas vosas xenerosas palabras e por recollernos. Unha aperta.

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...