segunda-feira, 20 de fevereiro de 2017

Fálame da emigración

Os alumnos de 2º A de ESO participamos na actividade “Fálame da emigración” en colaboración con Afundación, obra social de Abanca. A finalidade desta actividade é coñecer a experiencia da emigración en Galicia e para iso veñen persoas da terceira idade para contarnos a súa vida como emigrantes. Nós, os alumnos da nosa clase, fixemos tamén unha investigación nas nosas familias e descubrimos que case todos tiñamos historias que contar porque temos parentes que emigraron. Nesta primeira xuntanza, que celebramos o 8 de febreiro, viñeron ao noso centro Josefa, Aurelio, Enriqueta e Otilia para contarnos as súas historias da emigración, tanto en Europa como en América. Josefa casou e emigrou co seu home a Francia. A súa principal dificultade foi o idioma, pero o seu home, que emigrara antes ca ela, axudoulle moito e conseguiulle traballo nunha portería onde estivo ata que voltaron a Lugo, xa con dous fillos. Aurelio con 17 anos emigrou á Arxentina, nunha viaxe en barco que durou 17 días. Alí estudou e tivo varios traballos ata establecerse como perruqueiro. Gañou moitos premios (incluso internacionais) na súa profesión. Anos despois decidiu volver e tivo que empezar aquí desde cero. Enriqueta emigrou a Alemaña para traballar nunha fábrica de mobles. Volveu a Galicia porque tiña morriña súa familia, pero sempre botou de menos aqueles anos en Alemaña. Otilia emigrou á Arxentina porque casou cun galego emigrado alí. Como o seu home xa estaba establecido non tivo que traballar fóra da casa e di que aqueles anos foron os mellores da súa vida. Gustáronnos moito as súas historias e parecéronnos conmovedoras. Explicáronnos que a necesidade e o desexo de buscar unha vida mellor os levaron a emigrar, tamén nos relataron como superaron o proceso de adaptación a un novo país e nalgúns casos a un novo idioma, as dificultades que atoparon, o seu afán de superación e o esforzo por mellorar. Emigrar é unha experiencia moi dura e ademais cando volven á súa terra séntense un pouco fóra de lugar, sentíndose estranxeiros nos dous sitios. Na próxima xuntanza seremos nós os que contaremos historias das nosas familias. 
 Nuria González, 2º A (ESO) 



Podedes ver máis fotos entrando no seguinte enlace de Afundación

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...