quarta-feira, 26 de março de 2008

WebQuest Álvarez Blázquez


Con motivo de se homenaxear neste ano o escritor Xosé María Álvarez Blázquez, integrantes das Bibliotecas Escolares Biblioafonso de Cambre, A Nosa Biblioteca de Betanzos e O Segrel do Penedo de Fene realizaron unha WebQuest para coñecer a época, vida e obra deste creador.
Agradecidísimos, máis unha vez, por este traballo que xenerosamente disponibilizan, podemos aventurarnos na empresa seguindo esta ligazón:
WebQuest Álvarez Blázquez

quarta-feira, 19 de março de 2008

Sen Arthur C. Clarke, mais coa súa grande obra para sempre

"Esta é a primeira época que dá moita atención ao futuro; e non deixa de ser irónico xa que, talvez, non teñamos ningún".
Quen isto dixo, o británico Sir Arthur C. Clarke, un dos maiores divulgadores da ciencia do século pasado, faleceu hoxe, con 90 anos, en Sri Lanka; alí residía desde hai décadas, ao lado do mar, unha das súas paixóns ("Que inapropiado chamar Terra a este planeta, cando é evidente que debería chamarse Océano").
Das más de 90 obras literarias, un dos que sería libro emblemático, o seu relato “A Sentinela”, acabou por ser adaptado ao cinema, co título de culto “2001: unha odisea no espazo”. Clarke e o realizador Stanley Kubrick partillaron o roteiro e, por ese traballo, tamén unha nominación da Academia de Hollywood para o Óscar de "Mellor argumento adaptado". O libro foi traducido a máis de 30 idiomas e a súa lectura, alén de acordar a imaxinación de moitas persoas, fixo con que xente que non tiña gusto pola lectura se apaixonase por ela.

Fagamos noso este seu desexo, manifestado no día que fixo os 90 anos:“Quero ser lembrado sobretodo como escritor. Quero entreter lectores e -espero eu– conseguir tamén esticarlles a imaxinación."


Para saber máis:
Kubrick 2001: O Odisea do espazo explicada
Arthur C. Clarke

Viaxando en liña


A VisiBone publica o primeiro mapa do mundo da Internet; con el podemos coñecer os dominios de todos os países, alén dos códigos telefónicos internacionais.
Visita o sitio da VisiBone

domingo, 16 de março de 2008

Somos noticia na prensa de Portugal

O Expresso faise eco do éxito logrado polos alumnos de Português II no Campeonato da Língua Portuguesa, grazas ao Teste enviado por Alexandre Fernández Crende.

O artigo expón, entre outras e sempre segundo o criterio da xornalista asinante, algunhas opinións de Maria J. Diaz Pinheiro, profesora dos grupos de Língua Portuguesa, expresadas nunha entrevista realizada na semana pasada.

domingo, 9 de março de 2008

Alumno de Português II chega á Grande Final do Campeonato da Língua Portuguesa

Alexandre Fernández Crende, alumno de Português II en 2º de Bacharelato, chegou á Grande Final do Campeonato da Língua Portuguesa; aínda que só el chegou á Categoria de Honra do Especial Escolas do Campeonato, o resto do grupo está tamém premiado ao realizarem entre todos a proba proposta.

Estará, pois, no Grande Auditório do Centro Cultural de Belém, em Lisboa, o 12 de Abril ,na Grande Final, competindo con outras seis persoas dos milhares que participaron na súa categoría. O evento será retransmitido pola SIC.

Parabéns!!!!

sábado, 8 de março de 2008

8 de Marzo: Día da Muller

Até cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta o neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ao mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha sesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ao río: lava, pon a roupa ao clareo se non chove… Cando volve á casa, Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo isto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)


A Muller Galega de principios do Século XX



Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

sexta-feira, 7 de março de 2008

Imos contar mentiras...
Ou non.

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Textos e debuxos do 1º vídeo

quinta-feira, 6 de março de 2008

Rita Levi-Montalcini: Loitadora pola Igualdade.

Rita Levi-Montalcini unha muller a quen a opresión de todo tipo acompañou ao longo da maior parte da súa vida. Non só pola súa decisión de ser científica, algo inconcebible na sociedade italiana de principios do século XX, senón tamén pola súa pertenza a unha familia liberal e xudía que fixeron da súa vida naqueles anos un inferno continuo.


Rita Levi-Montalcini, un admirable exemplo de solidariedade e de loita pola igualdade

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Mulleres e Arte


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.





Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

A vida escrita polas mulleres

A muller na literatura castellana até ao século XIX

Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

quarta-feira, 5 de março de 2008

10 Mulleres de Cine no Século XXI

Ao cabo dalgúns anos, quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que botar man do cine.

Hoxe, adiantándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo feminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Comezaremos por ver aquelas que se incorporan ao mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Daremos unha ollada a aquelas nenas que disfrutan dunha infancia chea de comodidades e, ao mesmo tempo, chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso é o que fan en Quiero ser como Beckhamn.

E, seguindo coa inevitábel e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos á ruptura de tópicos que nos mostran en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca vivir e, se non se dan as cousas como se soñaron, é preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder mudalos, mais tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna é vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non mudan e os violentos
inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


mais, como dicía unha consigna, "podedes arrancar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera". Vemos isto no mundo que inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que, se ben non nos mostra un gran exemplo de vida, si invita a unha profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como, nuns poucos anos, se converten en documentos de vida deste 2008.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa, tes o código nesta ligazón.

terça-feira, 4 de março de 2008

Linguas e músicas recoñecidas por animais


Existe un páxaro na illa de Java, o calafate, que é quen de diferenciar a lingua inglesa da chinesa e unha música de Bach de unha de Schoenberg, segundo afirma Shigeru Watanabe da Universidade Keio de Toquio.
Son frecuentes outros casos de animais con habilidades extremas que, por mecanismos aínda non testados, recoñecen a gramática e chegan a comprender estruturas pre-gramaticais.
Para saber máis:
Papagaio Alex, que revolucionou estudo da linguagem, morre aos 31

Fonte: AGAL

Maruxa Mallo: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruxa Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte, decidida a romper os estereótipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte como as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas saídas noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así como o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse á Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome acabaran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poeta Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruxa pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, M. Mallo crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que comezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña, fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que estabelece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracíbeis e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática e someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galiza, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruxa está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...