Dada a relevancia da información que oferece, reproducimos, a continuación a carta de presentación do tríptico informativo e o tríptico, que pode lerse tamén aquí.
As Linguas Suman
Carta:
Os membros da CGENDL, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que, polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.
Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.
Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.
Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades.
Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.
E dito isto, queremos insistir en:
a. É unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade.
b. Se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua
galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”.
c. O galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino.
1 comentário:
Algúns non coñecemos o que é sentir vergonza por procurarmos disfrutar do galego. Empregámolo nas nosas aulas para achegarmos un pouco máis a lingua nosa, orixinaria, a un alumnado que, nas cidades, parece evitala. Facémolo, entre outras razóns, porque entendemos que así serán cidadáns máis libres. A liberdade é o coñecemento que, no noso país, está garantido para o castelán pero non para o galego. É, polo tanto, o noso deber como docentes promover o seu uso.
Algúns, como decía, non coñecemos esa sensación de vergonza tan atribuída ao galego-falante do rural chegado á cidade. Pero sentimos outra diferente, abrasiva, ao vermos como a administración se serve do ben común para xustificar uns centos de votos e altas doses de protección nos medios. E como se serve das familias para amosar mans limpas tras a desfeita, en actitude irresponsable e cobarde. Tantos anos de persecución, desprezo, desprazamento e ridiculización da lingua galega parece que non chegaron.
Como é posible ofrecer un ensino de calidade cando negamos a posibilidade de competencia na lingua propia e impedimos a liberdade de elección co castelán? Esta impotencia que sentimos carrexa a vergonza da que falo.
A enquisa sobre o uso do galego no ensino non ten sinatura oficial, carece de selo orgánico, ven redactada de xeito ridículo por duplicado, supón un custo disparatado, deseñouse ás costas do sistema educativo... Non o pode disimular. Ela tamén está chea de vergonza.
Manuel V.
Enviar um comentário