sexta-feira, 20 de novembro de 2009

Robótica: outro premio para o noso alumnado



Na semana pasada, as profesoras de Tecnoloxía, Ana L. Cela e Rocío Varela, acompañaron 23 dos seus alumnos e alumnas de 4º de ESO para participaren en Santiago na actividade A maxia da robotica, organizada pola Institución Galega da Ciencia (IGACIENCIA) dentro da Semana da Ciencia.


Ao tempo que participaban nesta actividade (polos traballos desenvolvidos nela) facíano, tamén, no 2º Concurso Galego de Robótica. Samuel Arias Tejedor, Jorge Fernández López, Alejandra Díaz Álvarez-Yáñez, Miguel Vázquez García e Daniel Balea Grandío gañaron o primeiro premio na categoría de 2º, 3º e 4º da ESO. De outra parte, Carla Taboada Rubinos, Miriam Ozores Piñeiro e Beatriz Vázquez Losada obtiveron unha mención especial que, na realidade é un terceiro premio que non recibiron por causa de as bases do concurso impediren que un mesmo centro conseguise dous premios.


A actividade desenvolveuse na Casa das Asociacións, un edificio que foi a primeira estación de ferrocarril de Santiago e que acaba de ser arranxado polo concello da cidade. Estivo moi ben organizada: nunha primeira parte, varios monitores mostraron aos participantes as destrezas básicas da programación dun robot e, nunha segunda, propuxéronlles resolver varios "desafíos" con estes coñecementos de programación. A avaliación dos resultados destes desafíos foi o concurso de robótica.
Participaron, durante cinco días (do 9 ao 13 de novembro), arredor de 900 alumnos. Traballaron en grupos e por quendas de 2 horas cada grupo. Os desafíos que lles propoñían levaban unha certa puntuación que os participantes coñecían. Gañou quen alcanzou mellores puntuacións. Competiron en tres categorías: de 5º de primaria a 1º de ESO, de 2º de ESO a 4º de ESO e BAC con FP.


Parabéns e agradecimento para as profesoras, que tanto teñen a ver co premio e, o que é máis importante, coa promoción e participación en actividades similares. Parabéns especiais para os participantes/vencedores.

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...