terça-feira, 30 de dezembro de 2008

Trasluz: novas páxinas lucenses



O ano 2008 déixanos; mais faino con un presente: a revista Trasluz.Lukus, recén saída do prelo.
Coa pretensión de dar a coñecer unha nova imaxe de Lugo, Trasluz quere ir abrindo un camiño en que se encontren as xentes de Lugo con aquelas que, descoñecéndonos ou tendo unha idea errada da nosa realidade, queiran compartir o esencial desta terra.
E todo isto débese a un equipo de persoas das que salientamos aquí dúas: o Editor, Ernesto S. Pombo e a Directora Comercial, Elena Crende, grande emprendedora que se anosa por ser a nai dun dos alumnos do instituto.
Desexamos e auguramos unha frutífera viaxe da que, de algunha forma, nos enriqueceremos. Bon ano e boa travesía.
Para saber máis, clica aquí.

domingo, 21 de dezembro de 2008

Anxos Fazáns: Premio "Trapero Pardo"


Anxos Fazáns Estévez, alumna de 1º de Bacharelato acaba de ser galardoada co Primeiro Premio -na categoría de 15 a 18 anos- do XIV Certame Trapero Pardo de relato curto, convocado polo Concello de Lugo. A obra gañadora leva por título Cando o destino xoga ás escondidas.
Os relatos premiados nesta edición e na anterior serán publicados en libro no próximo ano. Entrementes, esperamos, Anxos, que partilles con nós o teu relato e que nos permitas dalo a coñecer por medio deste blogue.
Alegrámonos moitísimo por ti e contigo. Parabéns e que as lecturas che axuden a seguir nese camiño creativo que comezas.

terça-feira, 16 de dezembro de 2008

Está para chegar o Apalpador



Coñécelo? Coñecéndoo, esperamos que nos deixes nos comentarios noticias sobre el, onde o encontrache, como foi o encontro... o que che pareza.
Se aínda non o coñeces -como acontece a moitas persoas- será que es moi xoven ou que non andas moito polo Caurel, polo Cebreiro ou polos Ancares: o Apalpador frecuentou sempre esta terras tan formosas e nestes lugares quérenlle máis que ao foráneo Papá Noël, con quen o Apalpador non se dá moito porque o anda privando do territorio que lle pertencía, apoiado, en especial, polas televisións e os grandes centros comerciais.
Sempre aparece por Ano Vello, mais vive nas devesas e aínda se dedica a facer carbón; este grandallón veste roupas vellas e boina e fuma en pipa.
O nome débeo a que, na noite do 31 de Decembro, gusta de apalpar as barriguiñas de nenas e nenos que estexan durmindo para ver se teñen fame ou non e, segundo o deducido da observación, déixalles máis ou menos castañas para se alimentaren.
Din que nos tempos de hoxe, como fame non se pasa por aquí, deixa outros produtos, máis acordes con necesidade e desexos dos apalpados (apesar de que xa non lle é necesario, parece que se avezou e continúa apalpando... para non perder o nome).

Hai que di que desaparecerá de Galiza se a xente non lle dá a atención que recibiu durante séculos e se o Papá Noël segue nas trece de o erradicar. É bon, entón, que lle fales del ao máximo número de persoas que poidas, nomeadamente á xente noviña. A ver se, formando unha cadea e regalándolle os ouvidos, conseguimos que non nos deixe.
Podes informarte mellor aquí e aquí

terça-feira, 9 de dezembro de 2008

Premios por lermos

O Plan de Fomento da Lectura, o Servizo de Orientación á Lectura, CEDRO e a Federación de Gremios de Editores de España poden premiarte por leres.
Alén de desfrutares co xogo que che propoñen, lendo podes gañar un destes presentes:
1º: Un smartphone modelo HTC ou similar.

2º e 3º: Un GPS G350, deseño slim, con pantalla táctil e navegación por voz.

4º ao 10º: Un marco dixital modelo Vision Middle, con pantalla TFT LCD de 5,6 pulgadas.

Non tes máis que clicar na imaxe e seguir as instrucións:

Non te demores: só neste mes podes participar.

Vía Trafegando Ronseis

"Balbordo" e os Clubes de Lectura na TVE

O Clube de Lectura Balbordo do IES Río Cabe de Monforte e, por medio del, os Clubes de Lectura das Bibliotecas Escolares da Galiza foron noticia na TVE.
Parabéns ao perssoal lector de Balbordo.
Non deixes de visitar a páxina do blogue dos nosos colegas de Monforte onde podes seguir as reportaxes da TVE e, de paso, dar unha ollada ao seu traballo.

Reunión Clube Ollos Grandes




Como se aveciñan as vacacións, o Clube de Lectura Ollos Grandes reunirase fóra do seu horario habitual; o encontro será na biblioteca mañá, mércores 10, na hora do recreo.
Non faltes: aínda vas ter tempo para comeres algo e dar unha voltiña.

quarta-feira, 3 de dezembro de 2008

Filmes ao teu dispor 2


Sección dedicada a informar e comentar audiovisuais que temos ou imos comprando e que están ubicados na Aula de Vídeo para o uso de todas e todos.
Agradecemos xá que deixedes aqui os vosos comentarios sobre obras vistas e/ou suxestións de compras daquilo que consideredes interesante.


Binta e a grande idea

España, 2004
Xénero e duración: Comedia, 30'
Dirección e guión: Javier Fesser
Elenco: Zeynabou Dialló À Bignona, Agnile Sambou À Mampalago
Fotografía: Chechu Graf
Montaxe: Javier Fesser
Material anexo: Proposta didáctica de Educación para o Desenvolvemento

Binta e a grande idea obtivo o premio do público na pasada edición de CurtoCircuíto. Binta ten sete anos e vive nunha aldea onda o río Casamance, no sur de Senegal. Ela vai ao colexio, pero á súa curmá Soda non lle deixan. Binta admira seu pai, un humilde pescador que, preocupado polo progreso da humanidade, está empeñado en levar adiante algo que se lle ocorreu. Precisa da axuda da rapaza para escribir unha carta ao gobernador...

terça-feira, 2 de dezembro de 2008

Nova adquisición de Literatura Matemática

Literatura e matemáticas semellan termos opostos que se repelen nun centro educativo e que determinan unha das eleccións chave nos nosos expedientes ao chegarmos ao bacharelato: Ciencias ou Letras? Pero por que non as dúas! Se o poeta di que todo é literatura e o científico que todo son matemáticas, ten que existir un punto de encontro denominable matemáticas literarias ou literatura matemática que conxugue estas dúas áreas esenciais do coñecemento humano.
Por suposto este espazo existe, e para facelo lexible, propoñémosvos as seguintes obras adquiridas recentemente pola nosa biblioteca para seren disfrutadas por todos e todas os membros da nosa comunidade.


segunda-feira, 1 de dezembro de 2008

Juvenes Translatores


Neste ano tivemos sorte: a diferenza de anos pasados, o noso centro foi seleccionado para participar no concurso de tradución Juvenes Translatores organizado pola Direción Xeral de Tradución da Comisión Europea.

A proba realizouse simultaneamente en 690 centros educativos da Unión Europea (deles, 54 españois) o día 27 de novembro de 10:00 a 12:00.

Os catro represantantes do noso centro foron

Alejandro Bena de Rette Méndez

Samuel Darriba Real

Lucas Núñez Vila

Alba Villar Vázquez

As traducións serán valorados por membros do corpo de tradutores da Unión Europea. Os gañadores acudirán á Bruxelas ao acto de entrega de premios.
Moita sorte!!
Máis fotos aquí e aquí, neste caso coas de outros participantes.

Para que non continuemos calando

Onte deitámonos sabendo de máis dúas mulleres vítimas da violencia. Hoxe, acordei con esta música que che deixo por aquí para que, na medida das túas posibilidades, impidas que o clube de que fala a canción quede pechado canto antes:

Pon imaxe ás Matemáticas


Máis outro ano -e van 14-, xa está aquí XIV Ponlle imaxe ás Matemáticas, o concurso que organiza o Departamento de Matemáticas.

Aquí tés as bases:
Poden participar todos os alumnos/as do Instituto de Ensino Secundario "A Nosa Señora dos Ollos Grandes".

Poden participar todos os alumnos/as do Instituto de Ensino Secundario "A Nosa Señora dos Ollos Grandes".
Tema:
Será libre, valorándose o contido matemático explícito, a calidade plástica e a aplicación didáctica da fotografía. Poderanse presentar series de varias fotografías sobre un mesmo contido matemático.
Tamaño:
As fotografías (en branco e negro e/ou á cores), en calquera formato, en papel fotográfico.
Prazo:
Os traballos entregaranse a calquera profesor/a do Seminario de Matemáticas do Instituto ata o 28 de xaneiro de 2009.
Modo de presentación:
Nun sobre grande meteranse:
- A fotografía (ou serie de fotografías) co(s) título(s) escrito no dorso (sen o nome do autor).
- Outro sobre pequeno pechado, co título(s) escrito no exterior, e cunha ficha no interior na que conste: nome, curso, grupo, número do/a participante e título(s).
Observación: Para as fotografías realizadas cunha cámara dixital, en caso de resultar gañadoras, deberase presentar a cámara fotográfica coa que se realizou a fotografía e a imaxe fotográfica orixinal, como dato que certifique a súa autenticidade.
Xúri:
O xurado formarano membros do Seminario de Matemáticas (poderá incluír algún outro membro do Claustro).
Premios:
Os premios serán:
1º premio de 100 euros.
2º premio de 60 euros.
3º premio de 30 euros.
Nota:
- O xurado terá en conta a fotografía e a correspondencia do título coas matemáticas primando a segunda consideración.
- O xurado poderá declarar deserto algún premio.
- Coas fotografías presentadas realizarase unha exposición.

Clube Ollos Grandes



O noso clube de lectura -Clube Ollos Grandes- xá está lendo, mais achámoste en falta.
Como é que aínda non te anotache? Só hai unha condición: querer compartir unha hora do teu tempo para conversarmos sobre o que lemos ou sobre o que, a partir do lido, nos pareza de interese.
Aínda estás a tempo: fala con calquera integrante do Departamento de Lingua Galega e Literatura ou anótate na Biblioteca. Non te vas arrepender.

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...