Da Casa das Letras |
Hoxe é o noso aniversario: tres aniños na Rede que celebraremos na biblioteca durante o recreo do próximo luns, Día da Paz e 125 aniversario do nacemento de Castelao. Se aínda nunca pisache a biblioteca, será un boa oportunidade para entrares: encontrarás dóces sorpresas.
E hoxe lembramos, especialmente, un grande poeta que faleceu un 28 de xaneiro: Manuel Antonio, declarado un dos nosos guías; con el, renovamos as nosas intencións:
Intencións
ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
do pailebote branco
Cas súas mans loiras
acenan mil adeuses as estrelas
Inventaremos frustradas descobertas
a barlovento dos horizontes
pra acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados
Halaremos polo chicote
dun meridián innumerado
Na illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso da cidade
Ela noitámbula desfollará
como unha margarida prostibularia
a Rosa dos Ventos do noso corazón
Encadearemos adeuses de escuma
pra tódalas praias perdidas
Xuntaremos cadernos en branco
da novela errante do vento
Pescaremos na rede dos atlas
ronseles de Simbad
E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.
(A configuración gráfica do poema non é, por problemas técnicos, a orixinal; tendo relevancia semántica, recomendamos que se consulte a propia desta composición no libro a que pertence, De catro a catro, ou aquí.
Co noso agradecemento polas vosas visitas e o voso apoio.
3 comentários:
¡Felicidades!É un blog interesante e a min axudoume para facer traballos.
É o tres un número especial e máxico, como tamén é máxico e especial o blogue da nosa biblioteca. Fermoso visualmente, rico en contidos e irreverentemente libre.
Parabéns neste terceiro aniversario e que cumpra moitos máis.
Acho que é espantoso o trabalho da professora María José Pinheiro e a equipa do blogue.
Feliz aniversário!
Juan Carlos García Lorenzo
Professor de Inglês
Un grande obrigado a Anónimo e a Juan Carlos.
Dista moitísimo de se parecer ao que as palabras amigas de Juan Carlos expresan; como di a última entrada do Blogue do Conservatorio de Lugo, a nós, por veces, pásanos o que a Groucho, Chico e Harpo Marx, que "andaban como tolos a desfacer o tren no que ían para queimalo na locomotora e que así non parase."
Só sendo útil para alguén, ten sentido e, infelizmente, encontrámolo un tanto endogámico.
Contudo, muito obrigada. Constitúen alimento para a locomotora.
Enviar um comentário