quarta-feira, 26 de janeiro de 2011

O mundo pode cambiar cun pouco de corazón: lección de Joaquín Mendoza

Este título estractámolo das palabras que José Rey López, de 1º C de BAC, escribiu para este blogue, contándonos as impresións tiradas da charla de Joaquín Mendoza anunciada aquí:

O pasado martes recibimos no noso instituto a visita de Joaquín Mendoça, un ilustre cirurxián que falou ás clases de 1º de bacharelato sobre a súa vida.
Joaquín, á parte de ser un gran investigador que traballa con células nai, tamén ten unha faceta moi solidaria: é o presidente da ONG Cirurxiáns do Mundo e falounos acerca deste seu labor que chegou a tocar a nosa fibra máis sensible. Cada ano viaxa, xunto cun grupo de médicos, á nación africana de Uganda para curar xente pobre que non pode recibir atención médica de calidade.

Na súa viaxe, atopou a Niwarinda, un neno  africano cun estraño síndrome que leva o seu nome por ser o único caso rexistrado polo momento. Niwarinda tiña unhas graves deformacións faciais que facían a súa vida moi complicada en todos os aspectos, tanto na alimentación coma noutro aspecto que, aínda que non doe fisicamente, é incluso pior: a discriminación entre os seus iguais. Tras unha serie de operacións, os médicos foron capaces de reconstruír o seu rostro e darlle a vida que un neno normal debe ter.

Tras unha gran lección de humanidade, explicounos o seu traballo como investigador;
comezou dicindo “A medicina química está tocando o seu fin” e parece que é verdade.
Joaquín traballa con células nai, células capaces de transformarse noutras de doutro tipo. Deste xeito, pódense rexenerar tecidos como órganos, como un polbo que pode recuperar os brazos, pero hai moitos tipos, embrionarias, umbilicais e adultas.
As primeiras podémolas encontrar en embrións, as segundas no cordón umbilical dos bebés e as últimas no noso propio corpo, que serían restos do noso tempo como embrións. As células nai adultas, a pesar de seren moi escasas, unha entre un millón, podémolas extraer, facer que se reproduzan e volver a introducilas para que se convertan noutro tipo de células (nerviosas, sanguíneas, óseas…) e, desta forma, facer que unha zona morta pase a estar moi viva. E todo isto sen o conflito ético que supón o uso de células embrionarias, simplemente serían as nosas propias células recolocadas noutro lugar.

Así poderíamos curar moitas enfermidades como o alzheimer ou o parkinson, pero o problema non sería simplemente crear novas neuronas. Tamén deberíamos identificar o factor que fai que morran. Pero iso só é cuestión de tempo.

Quizais nun par de décadas sexamos capaces de usar as células nai na nosa medicina ordinaria e facer que a química de Pasteur e de Fleming chegue ao seu fin, dando lugar a unha medicina biolóxica onde podamos sandar moitas enfermidades incurables e facer realidade o que hoxe parece ciencia-ficción; en calquera caso será grazas a xente como Joaquín, que se dedica a investigar para, cos seus traballos, facer as nosas vidas moito máis sinxelas e agradables.

Por último, desexo agradecer a súa visita, que nos ensina que o mundo pode cambiar cun pouco de corazón, que o traballo duro ten recompensa e que tamén aquí os nosos descubrimentos teñen importancia, aínda que vivamos nunha pequena cidade.


Moitas grazas, José; as persoas que non puidemos asistir temos, por ti, a oportunidade de sabermos un pouco máis. Esperamos outras colaboracións túas.








Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...