domingo, 27 de março de 2011

O espello de Portugal

De El Progreso, por María Xesús Nogueira:

«Menos mal que nos queda Portugal», proclamaba nos anos oitenta Siniestro Total nunha frase que apuntaba ao país veciño como refuxio natural de noso. Houbo quen viu nos camiños de ida e volta que cruzan a raia unha oportunidade financeira ou laboral, un destino turístico e gastronómico, ou mesmo unha oferta comercial que foi quen de resistir os efectos da globalización e a moeda única. A música, o cinema ou o fútbol reforzaron tamén nos últimos anos as relacións entre dous países que posúen unha base lingüística común, desaproveitada no entanto por unhas autoridades conservadoras de máis e, ultimamente, castelanizadoras. Sexa como for, e malia o descoñecemento favorecido desde algunhas instancias, Portugal foi e segue a ser un referente para Galicia, así como un espello no que nos mirar, non tanto nas dinámicas da vida cotiá, senón en momentos clave da historia, como aquel ilusionante abril de 1974 no que se iniciou a Revolução dos Cravos, ou presente, ben máis pesimista, co primeiro ministro dimitido e o país ao borde do rescate financeiro internacional, que observamos desde o outro lado co pavor de ver reflectida a nosa propia imaxe.
As medidas de austeridade e os recortes anunciados polo goberno portugués tiveron tamén a súa reposta nas rúas. Entre as voces que se escoitaron nas protestas soou con especial forza a da chamada ‘Geração à Rasca’, integrada por unha mocidade na súa maioría universitaria, condenada non obstante á precariedade laboral. Os ‘quinhentoseuristas’, que se organizaron de xeito espontáneo e á marxe de partidos políticos, levaron a cabo mobilizacións en varias cidades reclamando un cambio de rumbo na política económica ao son de cancións como a do grupo Deolinda, adoptada axiña como himno. A letra de ‘Que parva eu sou’ destila toda a frustración dunha «geração sem remuneração» ante un «mundo tan parvo onde para ser escravo é preciso estudar».
Tamén a mocidade galega está a sufrir a precariedade imposta por uns tempos adversos que lle negan oportunidades a unha xeración cuxa preparación se volve ás veces na súa contra. Cunha taxa de paro alarmante e con institucións e empresas pechando as portas, a nosa ‘xeración á rasca’ sobrevive, como di a canción, «na casinha dos pais» á marxe dun sistema que apenas lles ofrece faragullas laborais. As mobilizacións levadas a cabo pola ‘Geração à Rasca’ do país veciño, que talvez influísen na decisión de rexeitar as medidas de axuste ante a situación de crise tomada polo Parlamento, ben poderían tamén ser un espello para que a mocidade galega, vida ao mundo coa música de fondo daquel ‘Menos mal que nos queda Portugal’ de Siniestro, fixese súa a mensaxe de Deolinda, como noutrora fixera a de Zeca Afonso, e erguese con contundencia a súa voz.

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...