Mostrar mensagens com a etiqueta Xornais. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xornais. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 5 de janeiro de 2012

Excepcional: Isaac Diaz Pardo




Sempre me marabillou escoitar a palabra de Isaac Díaz Pardo, o humor que a acompañaba, a súa xenialidade. Diso ficamos orfos desde hoxe, mais non do que a xenorosidade e teimosía súas permitiron que legase a Galiza.
Un dos obxectivos máis perseguidos de  Díaz Pardo foi  facer real unha idea de Lorenzo Varela: crear o xornal Galicia, cuxo nome lembraría a cabeceira que Valentín Paz Andrade (Letras Galegas 2012) realizara en Vigo (1922-1926). Foi con este fin que  no 26 de novembro de 1977 se constituíu no Museo Carlos Maside a sociedade “Instituto Galego de Información, S.A.”.
 Infelizmente, empecillos de diverso tipo, especialmente políticos, foron ralentizando o proxecto até acabar por leválo á parálise total. Só chegamos a coñecer o número 0, publicado no 23 de xaneiro de 2007, precisamente como homenaxe ao infatigábel promotor.  E aquí o deixamos, tamén como honra e agradecimento a Isaac Díaz Pardo:

domingo, 27 de março de 2011

O espello de Portugal

De El Progreso, por María Xesús Nogueira:

«Menos mal que nos queda Portugal», proclamaba nos anos oitenta Siniestro Total nunha frase que apuntaba ao país veciño como refuxio natural de noso. Houbo quen viu nos camiños de ida e volta que cruzan a raia unha oportunidade financeira ou laboral, un destino turístico e gastronómico, ou mesmo unha oferta comercial que foi quen de resistir os efectos da globalización e a moeda única. A música, o cinema ou o fútbol reforzaron tamén nos últimos anos as relacións entre dous países que posúen unha base lingüística común, desaproveitada no entanto por unhas autoridades conservadoras de máis e, ultimamente, castelanizadoras. Sexa como for, e malia o descoñecemento favorecido desde algunhas instancias, Portugal foi e segue a ser un referente para Galicia, así como un espello no que nos mirar, non tanto nas dinámicas da vida cotiá, senón en momentos clave da historia, como aquel ilusionante abril de 1974 no que se iniciou a Revolução dos Cravos, ou presente, ben máis pesimista, co primeiro ministro dimitido e o país ao borde do rescate financeiro internacional, que observamos desde o outro lado co pavor de ver reflectida a nosa propia imaxe.
As medidas de austeridade e os recortes anunciados polo goberno portugués tiveron tamén a súa reposta nas rúas. Entre as voces que se escoitaron nas protestas soou con especial forza a da chamada ‘Geração à Rasca’, integrada por unha mocidade na súa maioría universitaria, condenada non obstante á precariedade laboral. Os ‘quinhentoseuristas’, que se organizaron de xeito espontáneo e á marxe de partidos políticos, levaron a cabo mobilizacións en varias cidades reclamando un cambio de rumbo na política económica ao son de cancións como a do grupo Deolinda, adoptada axiña como himno. A letra de ‘Que parva eu sou’ destila toda a frustración dunha «geração sem remuneração» ante un «mundo tan parvo onde para ser escravo é preciso estudar».
Tamén a mocidade galega está a sufrir a precariedade imposta por uns tempos adversos que lle negan oportunidades a unha xeración cuxa preparación se volve ás veces na súa contra. Cunha taxa de paro alarmante e con institucións e empresas pechando as portas, a nosa ‘xeración á rasca’ sobrevive, como di a canción, «na casinha dos pais» á marxe dun sistema que apenas lles ofrece faragullas laborais. As mobilizacións levadas a cabo pola ‘Geração à Rasca’ do país veciño, que talvez influísen na decisión de rexeitar as medidas de axuste ante a situación de crise tomada polo Parlamento, ben poderían tamén ser un espello para que a mocidade galega, vida ao mundo coa música de fondo daquel ‘Menos mal que nos queda Portugal’ de Siniestro, fixese súa a mensaxe de Deolinda, como noutrora fixera a de Zeca Afonso, e erguese con contundencia a súa voz.

quinta-feira, 15 de abril de 2010

Xornais do mundo

Nesta semana retiramos a exposición Xornais do Mundo que, na súa viaxe por diversas Bibliotecas Escolares Galegas, recala agora na Biblioteca Poeta  Díaz Castro de Guitiriz.
Non podemos deixar de agradecer, máis unha vez, o  bon traballo e a xenerosidade de Bibliarousa, a Biblioteca do IES Illa de Arousa. Estamos tamén agradecidos con todas aquelas persoas do noso centro que, das súas viaxes, trouxeron as voces xornalísticas de lugares  ben afastados e diversos; grazas igualmente aos nosos colegas do Tibble Gymnasium que nos visitan cada ano e trouxeron xornais da Suecia.

Ao coincidir o tempo da exposición con diversas viaxes realizadas por alumnado do centro, sabemos que algúns cursos non puideron aproveitala na medida que sería desexábel. Aínda que non é o mesmo, a continuación, deixamos unha reportaxe fotográfica para quen a quixer "visitar" aquí:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...