
Acabamos unha semana chea de actos, actividades e reivindicacións que tiveron a lingua como protagonista na súa festa anual.
Queremos agradecer a participación de todo o alumnado e profesorado, e especialmente, a dos nosos convidados.
O xoves día 6 María Xosé Rodríguez e Luís Villares partillaron os seus profundos coñecementos da realidade sociolóxica e xurídica da lingua galega cargándonos de argumentos para a súa defensa. Para alén de datos e recursos pedagóxicos, María e Luís, dous xoves lucenses de recoñecido prestixio, mostraron un compromiso natural coa lingua que, con certeza, contaxiou a máis de un.
O luns día 10 Uxío Novo, fillo do homenaxeado Uxío Novoneyra, veu falar da vida e obra do seu pai, debullando as principais influencias que explican a súa poesía. Lembrou a súa infancia en Lugo, recitou poemas e achegou un ficheiro cunha impresionante lectura de Uxío pai dunha das súas creacións máis comprometidas: Vietnam.
En fin, un ano máis de festas, palestras e correlinguas cos que se pretende non esquecermos o resto do ano que o futuro do galego só depende de nós.
Sem comentários:
Enviar um comentário