Trafegando Ronseis continúa a ser un blogue de referencia   para as bibliotecas escolares; emociona, estimula  e da forza a lectura do post Ler non é clandestino que, parcialmente, reproducimos despois do vídeo que realizaron na biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Grandes! 
Oxalá noutros centros se (re)coñeza a importancia e se incentive  o traballo nas bibliotecas escolares!
Á hora de comezar esta  entrada, un nó na gorxa atenázame. Non sei o que vou escribir, aínda que  si sei todo o que vou obviar porque o espazo é o que é. Esta é a miña  despedida de Forcarei, volvo para o próximo curso á miña praza de  Silleda. Estar en Forcarei estes dous cursos foi un luxo. Dous equipos  directivos diferentes que confiaron en min plenamente para dinamizar a  biblioteca, que me apoiaron constantemente en todas as actividades, que  me sorriron... canto vale un sorriso para non sentirse só! Con  compañeiras que levo no corazón para sempre...
 A isto súmase unha circunstancia especial que me fai agradecerlle á vida  a súa xenerosidade. Coñecer a Anxo en Silleda e traballar con el cóbado  con cóbado aqueles tantos anos fixo que a nosa amizade superara  calquera expectativa. Non crin que fósemos coincidir nunca máis. E aquí  estamos, un curso máis. Non sei se é moi arriscado dicir que Anxo é o  meu complemento perfecto: como explicar esta interacción laboral? Son  moitos os recordos que nos unen, teño que admitir que ten a capacidade  de comprenderme perfectamente e de facerme poñer os pés na terra cando  chego coas miñas ideas. Realmente, a Consellería non debería permitir  que se desfaga este tándem!
 Para despedirme de Forcarei quería facer algo especial: un vídeo de  Fomento da Lectura. Penseino hai moitos meses: mesmo elixira unha  canción de fondo para facelo. Pero o decorrer dos días foi atrasando a  iniciativa e un día chegou Anxo: "sei a canción ideal para o vídeo". E  puxémonos a redactar. Claro que contar co oído de Anxo para escribir  unha canción sobre un tema determinado é indispensable. Pretendía eu  reflectir todo o que a lectura nos ofrece e quedaron palabras  esparexidas nos folios empregados. Pero aquí está. E creo que o  resultado é ben positivo!
 O resto é froito do seu labor e da súa infinita paciencia. El pon esa  voz de luxo que vai envexar Manu Chao. El manexa a cámara e fai a  composición. Así despídese calquera! Estou emocionada co resultado:  agardo que vos guste tanto como a min.
 Como despedirme da dinamización da biblioteca? Por que un vídeo de fomento da lectura? 
Fomentamos a lectura porque cremos nela como un Valor. Ese Valor ausente na nosa sociedade de consumo sen reparos en ser deshonestos cunha soa relixión: o diñeiro. 
Cremos na lectura como solución. 
Cremos na lectura como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría. 
Cremos na lectura como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do horizonte sen fin.
Cremos na lectura como CULTURA.
E sobre todo cremos na lectura no noso idioma, na nosa lingua. Porque só defendendo ambas cousas, LINGUA E CULTURA, o noso país terá futuro de seu.
1 comentário:
Moitísimas grazas polas vosas xenerosas palabras e por recollernos. Unha aperta.
Enviar um comentário