quinta-feira, 11 de março de 2010

Con Marica Campo


Marica Campo estivo  con nós na semana pasada; alumnado de 2º de ESO, maioritariamente, constituiu un auditorio lector, participativo e curioso a respecto da obra que mellor coñecían: Xoel aprendeu a voar.
Xá desde o inicio, Marica Campo ensinounos a voar lendo; e a ler entre liñas a partir do seu poema Confeso que estou tola, que se pode escoitar clicando no título e ler no final desta entrada.
Innúmeras son as utilidades da lectura; Marica escolleu algunhas que sorprenderon parte do persoal: a lectura axuda na lonxevidade ("ver TV unha hora menos e ler unha hora mais"), permite vivir outras vidas (como Emily Dickinson que, morrendo nova, dicia ter vivido moito  grazas ás lecturas), permite ter un (mellor) coñecemento propio e dos outros, é psicodélica no sentido de ser capaz de ampliar o campo da consciencia... A lista queda aberta porque sabemos que o alumnado de 2º a vai ir completando nos comentarios.

Grazas, Marica. Sendo tan breve o tempo que estivemos contigo, só nos queda ler e reler o que escribes para voar contigo, en canto esperamos polo próximo encontro.



Confeso que estou tola:
Teño alucinacións multicolores
nos plenilunios e ando a cortar lilas de auga
para poñer, vizosas, en púcaros de lume.
Porque vén ser que alobo cando a lúa é máis grande
e branquiamarelea na pupila do mundo.
Daquela escoito músicas de tambores e frautas
e bailo cos pés nús no caborco da noite.
Penduro das orellas espantos coma brincos
de morcegos pregados e falo coas coruxas
na lingua máis arcana.
(Ignoro se me ollades, se estou engaiolada
e vós, por divertirvos, ceibades cacahuetes
entre as reixas que afastan o meu soño e o voso)

Confeso que estou tola: teño unha barca branca
que navega por rúas e por ríos de vidro
e eu vou de pé na proa, cos remos cara ao ceo,
derrubando as estrelas.
(Non sei se as recolledes, se apañades os froitos
da vendima dos astros para facerdes viño
e cuspirmo nos ollos)

Confeso que estou tola: Eu vivo no tellado
da casa e cando chove bebo a chuvia que cae
e dela me alimento. Béboa coma quen bebe
tempo desconxelado, champaña á fin da festa
ou un amor que pasa. Despois, cando clarea,
perdo o medo e camiño sempre á beira do aleiro
desafiando a altura.
(Descoñezo se andades a chamar os bombeiros,
porque a vertixe é vosa e a bebedez é miña)
Confeso que estou tola: Quero facer fileiras coas formigas,
confeso que estou tola, e que leven pancartas co teu nome,
confeso que estou tola.
Quero subir ás barbas do xigante, confeso que estou tola,
e dicirlle na orella algún segredo, confeso que estou tola.
Quero coller o touro polo alento, confeso que estou tola.
e levalo a unha feira nas galaxias, confeso que estou tola.
Non quero ir convosco á perruqueira, confeso que estou tola,
gusto de ser a muller despenteada, confeso que estou tola.
Confeso que estou tola, confeso que estou tola,
Confeso que estou tola. Amén

Sem comentários:

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...