Outubro é o mes das Bibliotecas Escolares, así que estamos de celebración!
E qué mellor xeito de festexalo que facendo novos socios da nosa Biblio e convidándoos a coñecer este espazo. A semana que vén terá lugar a formación de usuarios, repartiremos carnés aos recén chegados (alumn@s e profes) e inauguraremos unha novidade no tempo de lecer, o fío musical mensual. Que non sabedes a que nos referimos con isto último? Pois abride ben as orellas ás 11:15!
Non deixedes de achegarvos para estar sempre á última. Ata pronto!
Os nosos alumnos e alumnas resístense a cantar só sobre pombas e flores. En Máis páxinas interesantes desta ligazón: Blogs contra a violencia de xénero, aparecen os blogs creados por eles mesmos e nos que comentan o vídeo A orde das cousas presentado na Biblioteca pola psicóloga Amanda Díaz, presidenta da asociación Enriqueta Otero.
Dende Bibliolhosgrandes agradecemos a súa colaboración, así como o grande traballo que está a facer a súa asociación contra a violencia de xénero en Lugo. Unha completa páxina web, chea de información: E-muller mercadiños solidarios, concienciación, colaboración con outras entidades sen ánimo de lucro...
Como nos blogs contra a violencia de xénero xa ides atopar o vídeo e as reflexións do alumnado, deixámosvos esta performance realizada nas rúas de Lugo, coa colaboración da asociación Enriqueta Otero.
Para los amantes de los libros, las bibliotecas y el cine: una selección de escenas de películas y series de televisión con un punto en común, la biblioteca.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais, aínda así, cabe pensar que un outro mundo é posíbel, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nenas e nenos, adolescentes que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nenas, nenos e adolescentes que se implican con ilusión e con empeño en proxectos como "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nenos e nenas dos campamentos saharahuis, para quen a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas que, por todo o país, escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar ese recén estreado Niño do Bubi, porque, como nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, os nosos lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Todas e todos nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher(Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África; aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Recentemente, nos días 10, 11 e 12 deste novembro, celebrouse en Santiago de Compostela o congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito; alí representounos a coordenadora da nosa bilioteca, Áurea M. Penas Roibás a quen, desde aqui, convidamos para nos trasladar ás emocións vividas nese encontro bibliotecario.
Entrementres, o profesorado -ou quen o desexar- pode dar unha voltiña por aquí e consultar o material disponibilizado (non está aínda completo), algún de alto interese.
No inicio do congreso, pasouse este vídeo; recolle imaxes das Bibliotecas Escolares Galegas e, aínda que non está presente a nosa, podemos vernos no espello de outras, mellorados, é verdade. Mais, estamos "en tránsito" e nin sempre os recursos humanos e económicos son parecidos en todos os centros.
Como despedida deste tempo escolar, recebemos un presente por partida dupla: dos amigos da Biblioteca do Colmeiro de Silleda e dos da Biblioteca Arquivos do Trasno do IES Rafael Dieste. Agradecemos especialmente o premio Sunshine por nos ser outorgado por blogues que son referentes para nós e que, persoalmente, sigo con atención.
É obriga para quen recebe o Sunshine Award partillar o premio con outros doce blogues, avisar os seleccionados, publicar o enderezo do seu blogue e crear un post coa noticia do premio recibido, con agradecimentos á persoa que o concedeu.
Como é difícil seleccionar os blogues a que vamos conceder o premio, decantámonos por aproveitar a ocasión para divulgar sitios, na maioría de outras biblios escolares, próximos física e/ou emocionalmente:
Conchi e Muchi, as estupendas guías desta formativa actividade na Biblioteca Nodal, que ben dirixe a súa amable directora Marisol González, comezaron contando a historia da biblioteca: a construción do edificio, de onde proviñan os libros, etc. Despois amosáronnos unha cantiga de Alfonso X O Sabio que trataba sobre a Virxe de Lugo. O libro que tiñan alí exposto era unha réplica do orixinal, o denominado un “facsimil”.
A seguir, baixamos un andar e Conchi explicounos como se ordeaban os libros: pola CDU (Clasificación Decimal Universal). O primeiro número correspondíalle a un grupo, segundo o tema que tratara. O seguinte número (a carón do primeiro) era unha subcategoría do mismo tema. Na seguinte liña aparecían as tres primeiras letras do nome do autor e na última liña víanse as tres primeiras letras do título. A mesma clasificación que temos na Biblioteca do noso centro educativo.
Tamén nos falou da conservación dos libros, de que debían de estar a unha temperatura intermedia, ou máis ben máis frío que calor (18º-20º). Era tamén importante, incluso máis cá temperatura, ter controlada a humidade.
Explicounos de paso que se podían buscar os libros por Internet (www.rbgalicia.org), que a biblioteca estaba conectada coa rede de bibliotecas de Galicia e de España, que se podían suxerir ou pedir libros á biblioteca, como funcionaban os préstamos ( tempo, renovación), o material do que dispoñía a biblioteca, etc. Aclarounos o que era unha “desiderata”: suxestión que se fai por se non hai un libro, para mercalo.
A continuación visitamos as dúas salas privadas da biblioteca: “Menacho” e “Montenegro”. Alí os libros eran clasificados polo sistema de “Currens” (sistema de clasificación de números correlativos, sen importar a materia). Eran libros antigos, de coleccións privadas. Estaban á disposición de todos para poder consultalos e demais, pero non eran prestables.
Visitamos os dous últimos andares (de arriba) e comentounos onde se atopaban as zonas con ordenadores e o tempo que os podiamos utilizar, onde estaban as revistas e a prensa e contounos que tiñan xornais a nivel de España, que tiñan xornais de outros países, como o famoso “The Times” ou como un xornal francés que pedían antes e que gardaban todos os exemplares antigos de “O Progreso”.
Baixamos seguidamente ó último andar onde vimos o almacén. Os libros clasificábanse por un número que se lles asignaba segundo a orde de chegada. Os armarios onde se gardaban eran moi curiosos e chamábanse “compactos”.
Por último ensinounos a zona de lectura infantil e a zona de estudo dos adultos. Era interesante a forma que tiñan de clasificar os libros dos máis pequenos: as idades ían por cores ( víanse nas columnas e andeis) e nos libros, unha pegatina indicaba o tema.
Animáronnos a facerrnos usuarios da biblioteca ou mediateca e a disfrutar das súas vantaxes. Penso que todos marchamos de alí con algo aprendido.
Do blogue do CEIP Isaac Peral (que suxerimos para encontrar unha amplísima información e documentación para traballarmos nas aulas acerca da paz), copiamos literalmente estas palabras:
Por Alicia Gómez Díaz
O día 30 de Xaneiro conmemórase a morte do líder nacional e espiritual da India, o Mahatma Gandhi, o 30 de Xaneiro de 1948, asasinado a tiros por un fanático hinduista.
Gandhi naceu en Porbandar, India, en 1869, e tras graduarse en dereito en Inglaterra, instalouse en África do sur e loitou alí contra a discriminación de que eran obxecto os indios. Ao volver á India organizou a resistencia non violenta contra o colonialismo e a non cooperación coa administración inglesa. Tratou de frear os choques entre hindús e musulmáns. Encarcerado en numerosas ocasións, era en 1937 o líder dun movemento independentista capaz de mobilizar ou deter a millóns de indios.
Por outra banda, tamén celebramos nesta xornada o Día Escolar da Non-Violencia e da Paz. Este foi fundado en 1964 polo Inspector de Ensino Lorenzo Vidal. É definida como unha xornada educativa de pacificación, co fin de levar aos educandos polo medio da reflexión persoal ao descubrimento da mensaxe fundamental de que "o amor é mellor que o odio, a Non-violencia mellor que a violencia e a paz mellor que a guerra" (Vidal, 1972)
Na entrada Norte do instituto temos, tamén, unha exposición con recursos bibliográficos, filmes, documentarios e outras achegas relativas a esta xornada pacificadora. Mañá, durante o recreo, a biblioteca realizará actividades encamiñadas á divulgación e conscienciación do que este Dia Escolar da Paz e a Non Violencia representa.
E concluímos con este interesantísimo vídeo que coñecemos por Trafegando Ronseis:
Podemos dicir que son dúas as ferramentas que vamos referir, ambas de utilidade para vós:
* Unha é utilizada aquí como medio para apresentar a outra, que xa coñecedes. Trátase de Prezi, un recurso de que se pode servir o alumnado para certos traballos e, claro está, o profesorado.
* A outra, a que é apresentada coa anterior ferramenta, é a biblioteca escolar ou, por mellor dicir, as Bibliotecas Escolares Galegas.
O traballo foi realizado e cedido pola biblioteca do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, un modelo a seguir, entre outras razóns, polo moito que podemos aprender do seu equipo. Moitas grazas.
Para verdes ben imaxes e texto, premede en Play (no triángulo) e, a seguir, en More/Fullscreen. Para irdes avanzando, novamente Play.
Los recortes presupuestarios llegan a las bibliotecas públicas y escolares pero los bibliotecarios/as le echan ganas y fuerza; para muestra este lip dub rodado en varias bibliotecas de EE.UU y con un título muy prometedor, "I will survive"
¿Para cuándo un lip dub del equipo de dinamizadores del "Femenino"?
Animamos al alumnado del centro a hacer la traducción para que todo el personal pueda disfrutar de esta versión. Compensaremos el esfuerzo ...
Grazas a Agabel soubemos das intencións da Consellería de Educación en relación ás Bibliotecas Escolares.
Do Portal Educativo (onde se pode ler a noticia completa)tiramos este trecho:
O novo Plan para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe dará resposta ás demandas creadas desde os centros educativos
Xesús Vázquez Abad recordou que o obxectivo en cinco anos é acadar o 70% dos centros completos de titularidade pública e facer un deseño do marco normativo
Definirase a figura do responsable de biblioteca nos centros de ensino
Dentro deste proxecto inclúese o Plan de Bibliotecas escolares que na actualidade engloba a 300 espazos de lectura e que se verán incrementadas en 75 bibliotecas ao longo deste ano.
"Para celebrar o día Internacional da Muller Traballadora , este ano contamos cun vídeo dunha creadora viguesa, Claudia Brenlla, que se titula “Bata por fóra, muller por dentro”. A nosa compañeira Chis tróuxoo ao centro e propuxo actividades para traballalo na aula, así como as ideas para a performance de mañá. O vídeo é moi interesante, creativo e divertido . É en realidade unha homenaxe ás mulleres que traballan as súas casas, coidan dos pequenos e maiores, cultivan as leiras, mariscan, limpan as tumbas dos seus difuntos, etc, ataviadas moi a miúdo con esas batas. Batas con ou sen mangas, con botóns ou cinto, abotoadas diante ou detrás, case sempre de cadros, pero tamén de raias, flores ou lunares. Batas coas que protexen a súa roupa ou coas que se gardan do frío. Batas que din: "vou traballar" (e que se poñen a primeira hora da mañá e se quitan ben entrada a noite). E por suposto, batas coas que realizan un traballo que non coñece o que son as vacacións, xubilacións, pagas, pensións, nin ningún tipo recompensa e, sobre todo, admiración. Alumn@s de diferentes cursos estiveron traballando sobre este vídeo: analizárono e escribiron poemas, microrrelatos e outros textos (que estaán expostos nos taboleiros da planta baixa do instituto). Ademais temos a "exposición" das batas no vestíbulo, que o enche de cor todos estes días e nos recorda moitas cousas, ademais das nosas antepasadas ("a miña avoa ten unha desas", comentoume un alumno estes días, "miña nai un feixe delas", dixo outra rapaza). Moita bata.
A celebración de hoxe luns no insti: virá a directora do vídeo a falar cos alumn@s de varios cursos que o traballaron. E a última hora, no patio, realizarase unha performance ( asistirán @s alumn@s de 2º e 4º de ESO, varios cursos de 1º e un de 2º de Bach, un 3º e un 1º de ESO) que consistirá no seguinte: primeiro faremos unha pequena introdución e leremos algúns dos textos escritos polos rapaces e rapazas, e logo os alumn@s dos diferentes cursos irán colocando as batas coas que previamente se fixeron sobre a silueta dunha bata xigante debuxada con xiz no chan. Desta maneira montarase unha bata pachtword xigante. @s alumn@s de tecnoloxía gravarán todo esto e montarán un vídeo.
Quince profesores/as de varios departamentos e uns trescentos alumnos/as veñen traballando na aula dende fai días, baixo a coordinación de Chis. Un proxecto interdisciplinar que no que teñen cabida as TIC, as matemáticas, as linguas, a filosofía, historia, cidadanía, música (tamén participa o alumnado do conservatorio). Un proxecto que foi agrandándose pouco a pouco ata o punto de que onte saímos en TVE (España directo), a coordinadora foi entrevistada na Cadena SER e hoxe, Luns, non deixaron de vir cámaras de distintas televisións e saímos na prensa.
Teremos que esperar uns días para poñer un post con todos os traballos feitos polo alumnado, as fotos de todos os eventos e os vídeos realizados nas clases.
Neste día dedicado (comercialmente) ao amor, suxerimos que leades algunhas Cartas de Amor -até agora inéditas- do grande poeta Pablo Neruda e que acaban de ser publicadas por Seix-Barral. El Cultural selecciona algunhas destas cartas dedicadas a Matilde Urrutia, grande amor de Neruda, que deixamos a continuación; aquí pódese ver e ler unha selección manuscrita e ilustrada:
E agora, non deixedes de coñecer algunhas das actividades que realizaron noutras bibliotecas escolares: podedes comezar por esta selección que nos dá feita o sempre imprescindíbel blogue Trafegando Ronseis ou usar o buscador da columna lateral. Moitas grazas por ese traballo sempre partillado.
Onte, La Voz de Galicia, fíxose eco da importancia do traballo que se está a desenvolver nas Bibliotecas Escolares Galegas. O Segrel do Penedo informa pormenorizadamente da noticia:
Alégrounos moitísimo ver como dende este diaro se pon en valor a labor que as Bibes Galegas están a facer en prol da lectura e o seu fomento non só entre o alumnado senón entre os distintos membros das nosas comunidades educativas. "Galicia a la cabeza de España en fomento de la lectura Juvenil" Falase da experiencia dos clubs de lectura, e como exemplo o IES Alexandre Bóveda e Beni, a súa alma mater, das Mochilas Viaxeiras, e como non, do programa Hora de Ler que tantos e tan bos resultados está a dar non só en centros de primaria senón tamén nos de secundaria. Benigno Nerga, Coordinador da Biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) comenta sobre o club de lectura: «Este ano pedíronnos unha lista de autores punteiros do século vinte, e elixiron para este trimestre a Steinbeck (La perla), Kafka (La metamorfosis) y Camus (El extranjero)» [...] «Xa lles dixemos que con estes autores acabouse o pesimismo por este curso»
Cristina Novoa, Asesora de Bibliotecas Escolares na Xunta, fala da experiencia do Programa Hora de Ler «Mellórase o clima do centro e, como se fai normalmente despois do recreo, é unha forma de resolver as tensións. Baixan radicalmenteos conflictos». «Nótase tanto que todos os profesores queren ter a súa clase despois da Hora de Ler» Carmen Mazaira, como responsable do Proxecto Lectura Silenciosa Sostida no CEIP Pardo Bazán (Coruña), expón: «...es muy saludable porque supone leer sin pedir nada a cambio, solo como ocio, para pasarlo bien» «A veces vemos que en otros momentos del día, cuando hay un parón, algunos alumnos sacan el libro de su pupitre y se ponen a leer»
Nós, os docentes ao fronte das Bibliotecas Escolares Galegas, sabemos moi ben onde estamos e o papel que dende as Bibes como dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia se está a desenvolver. Unha Asesoria que sempre vai un paso por diante amosándonos o camiño a seguir e cuxo labor é ben coñecido non só no noso país senón fóra del. Máis xa ía sendo hora de que os medios de comunicación se fixeran eco do importantísimo papel que están a desenvolver as Bibliotecas Escolares Galegas dentro do sistema educativo galego.
Desde aquí os nosos agradecementos e parabéns a Cristina Novoa, Carmen Mazaira e Benigno Nerga, magníficos portavoves das Bibliotecas Escolares Galegas, e ao Segrel do Penedo por esta e tantas informacións..
Grazas a Trafegando Ronseis, deixamos esta guía que tamén tedes impresa e, se entrades na anterio ligazon de tan educativos ronseis, nun clique, encontraredes outros traballos das bibliotecas do PLAMBE:
E grazas ao Segrel do Penedo esta educativa e formosa presentación:
As Bibliotecas Escolares non deixan de traballar. Sabela Lahuerta, coordenadora dunha BE, deixounos esta adptación dunha historia con moito proveito e que agradecemos de verdade.
Os vosos comentarios faríana aínda mellor. Grazas
Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Dia da Biblioteca, en recordo da destrución da biblioteca de Sarajevo, incendiada no 1992 por causa do último conflito bélico dos Balcáns.
E, coincidindo coa data, en Santiago de Compostela están celebrándose este fin de semana as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2009; nesta ligazón podes seguir algunha das charlas, grazas ao blogue das Bibliotecas Escolares. E, caro profesorado, aquí podemos dispor de materiais das propias xornadas e outros recursos de utilidade para as aulas (lectura comprensiva, escrita, aprender a aprender...)
Onde hai unha biblioteca hai unha luz ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca. Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda. Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón. Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas. Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados. Agustín Fernández Paz
Así se inicia o Manifesto que, para hoxe, 24 de Outubro, Día da Biblioteca Escolar, creou Agustín Fernández Paz (onte galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil) e que podes ler na íntegra aquí. O deseño do cartaz é do ilustrador Xosé Cobas.
A IASL (International Association of School Librarianship) dedicou este mes de Outubro ás Bibliotecas Escolares; é dentro desta conmemoración internacional que o Ministerio de Cultura seleccionou o día 24 de Outubro para celebrarmos esta efeméride que, neste ano, centra as actividades en Santiago de Compostela.