Mostrar mensagens com a etiqueta Encontros literarios. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Encontros literarios. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 2 de fevereiro de 2011

Jaureguízar na biblioteca

 No pasado venres, Santiago Jaureguízar veu conversar con alumnado que  participa no Clube de Lectura.
Aínda que varias persoas se brindaron a deixar por aquí unhas impresións do evento, por agora só temos as de unha grande lectora, Carme Jorge Díaz, de 3º A . A Carme, a Jaureguízar, a Esther e a quen nos deixar comentarios ou opinións sobre este encontro literario, moitas grazas.

Jaureguízar é un home alto, con gafas. Tatexa lixeiramente ao falar, supoño que un pouco polos nervios de ter que lidar cun grupo de adolescentes. Vén falarnos dun libro A coroa de Napoleón. O protagonista é un rapaz de dezaseis anos, namoradizo e aventureiro, que está a investigar o caso dunha coroa que Napoleón empregou para coroarse emperador. Unha novela policíaca cunha trama non moi complexa, desas ideais para ler nunha tarde aburrida, unha novela entretida.
O autor, ademais de falar do seu libro, pregúntanos cousas sobre a nosa rutina. Mesmo nos dá consellos aos que, coma min, queremos ser escritores: que os libros teñan poucos personaxes, que sucedan en lugares coñecidos para nós e que os personaxes sexan xente que coñecemos.
Jaureguízar mira a hora a cada pouco, ten que marchar ao periódico a traballar. Pero non se vai antes de asinar un libro.
Carme Jorge Díaz



terça-feira, 18 de maio de 2010

Galauda connosco

Galauda é un proxecto educativo intercultural para o ensino secundario en que se implicaron, no seu inicio, as administracións galega e catalá xunto coa Universitat de Barcelona.
O proxecto, segundo podemos saber na páxina de Galauda,  pretende
  • Fomentar nos adolescentes o respecto ás linguas e ás culturas, a partir das que forman parte da sociedade na que viven.
  •  Defender a diversidade lingüística e cultural, de xeito que as estudantes e os estudantes de secundaria perciban esta diversidade como un ben imprescindible na formación dunha sociedade cohesionada e flexible ao tempo.
Hoxe son seis os institutos que fan realidade estes obxectivos, nomeadamente por medio da integración no seu currículo de aulas de lingua galega.
Deles, para nós teñen un significado especial o  IES Margarida Xirgu, de L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona)  e o  IES Sant Just Desvern (Barcelona), o seu  alumnado de lingua galega,  as profesoras Charo Teixeiro e Celsa Nogueira e a directora do proxecto, Sabela Labraña, profesora de Filoloxia Galega da Universitat de Barcelona.
Por iniciativa  e contactos de Teresa Vila (grazas, Isabel), na semana pasada, visitáronnos. Partillamos lingua e, por/coa lingua, partillamos poemas, narracións, cancións, conversas: emocións. O alumnado catalán, que cursa 2º e 3º de ESO, foi acollido polo noso alumnado de 2º de ESO, alegres anfitrións que mostraron o centro aos visitantes, compartiron xogos tradicionais no pavillón, para alén de participaren  no acto central que nos reuniu no salón de actos.
A continuación, deixamos algún testemuño gráfico do día. En primeiro lugar, unha reprodución de Pas per Lugo de Josep Plá, que escoitamos en catalán e galego na voz do alumnado catalán (o libro en que se inclúe, Direcció Lisboa, foi un presente que xa temos na biblio) e, en segundo lugar, unha reportaxe fotográfica.  As fotos que acompañan este texto reproducen algunha das colaboracións con Para que les?

Moitísimas grazas e até breve!



sábado, 1 de maio de 2010

Paula Carballeira. Impresións

Chegounos este comentario acerca do encontro con Paula Carballeira. Pola cantidade e cualidade do escrito, pola emocón que transmite, consideramos que debía estar aquí. Grazas, Tamara; grazas, Esther.

Nunca coñecera unha rapaza coma ela: alegre, simpática, aberta…
Só necesitamos uns minutos para comprender como era. Non facía máis que sorrirnos, tratábanos coma se nos coñecese de toda a vida, era coma estar con alguén co que tes moita confianza.
É unha persoa admirable, tanto pola súa forma de ser, coma polo seu traballo. Ademais de ser unha moi boa escritora, é actriz de televisión, e ata traballa nunha compañía de teatro!
Eu penso que naceu para ser escritora, sabe expresarse perfectamente,ten unha imaxinación desbordante e ademais é coma se as palabras lle saísen soas da boca, coma se tivesen vida propia! Fíxonos imaxinar historias incríbeis unicamente falando. Ten un don! Cando nos contaba algunha historia, facíanos sentir que formabamos parte da historia, que estabamos na pel dos personaxes; fíxonos sentir que a historia era real.
A actuación tamén é unha das súas moitas habilidades, é capaz de interpretar calquera sentimento ou emoción: alegría, pena, rabia, tristura… Cando ela interpreta fainos crer que todo o que di é certo porque, como ela nos dixo: “Para facer o que eu fago hai que saber mentir, pero mentir ben”.
Tiven conferencias con máis escritores pero con diferenza, coñecer a Paula foi a mellor de todas, fíxonos chorar da risa, berrar de medo, rir ás gargalladas...
Persoalmente, penso que nos fixo pasar un anaco moi divertido, e creo que todos os que estivemos con ela levamos un bo recordo dela e unha amiga para sempre.

Tamara Pérez Castro 3ºB
Fonte da imaxe

quarta-feira, 28 de abril de 2010

Eu quero ser...

...como Paula Carballeira.

Onte, 27 de abril, o alumnado do Clube de Lectura Ollos Grandes e algúns cursos de 3º de ESO asistiron a un encontro coa escritora, actriz e contacontos Paula Carballeira.

Falounos de historias de medo, de lobos, fantamas, zombis...do seu último libro O Lobishome de Candeán e mesmo nos contou algunha historia que nos fixo dar un pulo nas nosas cadeiras e soltar algún berro co susto. Tamén rimos ás gargalladas cos seus contos e anécdotas, a súa expresividade, e a súa capacidade para conectar co público.

Finalmente, respondeu  todas as preguntas que se lle fixeron sobre o libro, sobre o seu traballo como actriz e sobre a súa vida en xeral, aspectos que espertaron moito interese entre o alumnado... tanto, que sospeito que algún (ou máis ben algunha), ao remate da conferencia, xa decidira que quería ser actriz ou contacontos..., como podedes ver, conseguiu engaiolarnos!
Esther Rodríguez García

Paula Carballeira on PhotoPeach

terça-feira, 20 de abril de 2010

Encontro con Xabier Docampo


É a segunda vez neste curso que un escritor se encontra co noso alumnado de 2º de ESO: Xabier P.Docampo visitounos na semana pasada.
Nun ambiente distendido e lúdico (predominou o humor), Xabier apresentounos a literatura como unha necesidade humana, pois o home precisou contar desde os primeiros tempos da historia, desde as pinturas das caverna á actualidade. O ser humano procura a explicación do mundo e do que nel ocorre desde o corazón.

Analisamos con el as personaxes do conto da Carrapuchiña, aprezando a importancia deste xénero literario para ensinar a nenas e nenos valores que, de outro xeito, lles serían incomprensíbeis.
Falounos da lectura, acto de liberdade de homes e mulleres; quen le faino na procura dunha personaxe con quen nos identificar, do feito que nos ocorreu, interpretando -desde o noso sentir- as novas vivencias.
Despois de responder as preguntas realizadas sobre O pazo baleiro (lido pola maioría de asistentes) e de asinar exemplares, despediuse alentándonos, unha vez máis, a buscar un novo libro.

Moitas grazas, Xabier.
Teresa Vila

sexta-feira, 12 de fevereiro de 2010

Rosa Aneiros co alumnado de 4º

Antonte, 10 de febreiro de 10,25 a 11,15 a escritora Rosa Aneiros visitou aos alumnos de 4º de ESO do instituto co motivo da lectura, por parte dalgúns deles, de Ás de bolboreta.

Segundo nos informa o profesor Luís Castro, neste encontro, a narradora empezou lendo un texto da novela. Logo explicou o concepto de ficción no cinema e na novela para contestar á pregunta de se tiñan relación os temas da novela coas noticias que aparecían nos medios de comunicación. Isto último foino exemplificando a través da interpelación continua aos alumnos sobre temas da actualidade, como a chegada das pateras, ou como unha persoa le a sección de internacional da prensa porque é o que a preocupa ao ter un fillo no exécito en Darfur en misión humanitaria ou as noticias que os xornais publican os luns sobre as mortes en accidentes as fins de semana. A noticias deste tipo, dicía, ela foille poñendo unha cara e facendo que estes personaxes apareceran no bar Luzada e así se foran constituíndo os protagonistas das distintas historias. Terminou a sesión cunha explicación da numeración dos capítulos: uns van precedidos do 0 indicando o presente e outros van introducidos con número positivos ou negativos segundo se refiran ao pasado ou ao futuro.

terça-feira, 8 de dezembro de 2009

Tuga-lugo-lendo na biblioteca



No pasado venres, desde a biblioteca viaxamos a Cabo Verde, ao deserto, á  África... pola voz de Silvino Lópes Évora e de Édson Alves, con formosísima presentación de Joseph Ghamine, professor de português na EOI de Lugo.
O motivo foi a presentación pública do Clube de Leitura Tuga-lugo-lendo, grupo creado para a leitura de obras da lusofonía; a iniciativa de crear este clube partiu do profesorado de português da Escola de Linguas de Lugo, mais está aberto a quen quixer participar; de feito, como dicíamos nunha recente entrada, varias persoas do centro somos xa "tugalugueses".
O poeta cabo-verdiano, Silvino Lopes Évora, apresentou o seu libro Rimas no deserto (que podes pedir na bilbioteca). Por súas palabras, a obra pretende esencialmente "tentar captar as dificuldades de vida de pessoas de diversas camadas sociais e partes do globo que, muitas vezes, perante um deserto de oportunidades, tem que rimar (que, metaforicamente, aqui quer dizer remar, lutar, contrariar as adversidades da vida) para continuar a viver e manter viva a esperança de alcançar uma vida com mais dignidade e tranquilidade".
Para quen perdeu o acto, dixamos a reportaxe que Zé Manuel Nunes, xentilmente, subiu á rede:




E, para acabar, estas fotos, tamén com sabor musical cabo-verdiano:



Nos media, aquí, aqui e aquí, na páx. 8.

terça-feira, 9 de junho de 2009

Actividades recentes

Nas semanas pasadas foron tantas as actividades que se desenvolveron no centro que o tempo se fixo escaso para as referir aquí, especialmente para aquelas persoas que non as puideron seguir.
O xuíz luís Villares Naveira falou -e emocionou- para o alumnado de 2º de bacharelato, informándoo da realidade da lingua galega no ámbito xudicial (e non só). A revista Tempus das Letras recolle unha entrevista que lle realizou Ana Ferreiro, de 1º de BAC; non deixedes de a ler.

Luís Villares Naveira on PhotoPeach



Tamén nos visitou Bali Rai, escritor inglés de orixe india; Bali Rai veu para nos falar da súa novela Un casoiro ben mal amañado que o alumnado de 4º leu neste curso.
A actividade só tivo un defeito, recoñecido unanimemente: a escaseza de tempo para continuar conversando co escritor. Con todo, manifestou o desexo de ser convidado por nós nunha próxima viaxe á Galiza e declarou ter gustado moito das intelixentes preguntas do alumnado; chegou mesmo a anunciar que algunha delas estaría, de algún modo, presente nunha próxima novela súa.
Quen non tivo a oportunidade de asistir a esta actividade ou quen quixer, pode visitar a sua páxina web (en inglés). Algún centro galego deixou en YouTube o vídeo da charla,que enlazamos e agradecemos.
Desde aquí tamén agradecemos a xestión de Samuel, sen cuxa intervención talvez non fose seleccionado o noso centro para podermos escoitar Bali Rai.

Bali Rai on PhotoPeach



E, nestes días, aínda podedes visitar as exposicións sobre Darwin (no 2º andar e na biblioteca) que complementan outras actividades que desenvolveu o Departamento de Ciencias, con colaboracións de outros departamentos:
Darwin on PhotoPeach

segunda-feira, 28 de janeiro de 2008

Encontro con Xabier P. Docampo

Na semana pasada, rapazas e rapaces do segundo curso da ESO tiveron a sorte de disfrutar da compaña de Xabier P. Docampo e de conversar con el. Sendo escaso o espazo da nosa biblioteca e ao termos en obras o salón de actos do instituto, o lugar da charla foi a biblioteca pública, moi próxima do noso centro.
Xabier achegounos á súa vivencia da Literatura, importante e necesaria como capacidade de narrar de forma oral ou escrita e coa función de ordenar o caos, contar, explicar o mundo, desde o corazón dos seres humanos.
Cun percorrido, cheo de humor, polo conto de Carrapuchiña foi amosando a riqueza deste xénero para mostrar ao auditorio os valores e contravalores da sociedade.
Riferiuse tamén á lectura como camiño de perfección do individuo, sendo, claro está, unha decisión libre. Finalizou o acto, respostando as preguntas do alumnado, referidas particularmente á obra que leran, O Pazo Baleiro; as respostas de X. P. Docampo poderíamos sintetizalas nestas palabras súas:
“A inspiración xorde da necesidade de contar unha historia, cando teño a primeira frase teño o libro, buscar un escenario e ir enchendo coa vida.... Na literatura están tódolos modelos, ti lector, escolles o que che guste.”
E desexounos que a tarefa escolar nos fose liviá e gratificante.


Informante: Teresa Vila

segunda-feira, 21 de janeiro de 2008

Encontro literario con Miguel Ángel Curiel



Baixo coordenación da profesora Flor Sánchez Fernández, a Sala de Vídeo do instituto acolleu un taller poético co creador Miguel Ángel Curiel; o encontro, dirixido ao alumnado de 2º de bacharelato, tiña o obxectivo final de que cada alumno crease o seu propio poema.
M. A. Curiel, poeta que reside actualmente en Lugo, nace en Korbach Woldeck (Alemaña) en 1966, no seo dunha familia cacereña, orixinaria de Jaraiz de la Vera, aínda que el se considera de Talavera de la Reina (Toledo), onde transcorreu boa parte da súa vida.
Galardoado en diversas ocasións, en 2007 consegue dous primeiros premios: un deles o Premio Internacional de Poesía San Juan de la Cruz 2007, da cidade de Ávila, pola obra "Por efecto de las aguas" e o outro é o Cidade de Mérida.
Miguel Ángel Curiel inicia o obradoiro estabelecendo a diferenza entre poesía e poema; algúns alumnos len poemas de poetas españois actuais e de creadores estranxeiros: ingleses, israelís...O propio poeta fai lectura expresiva de outros poemas. Isto configuraría a primeira parte do encontro. Na segunda, M. A. Curiel dá un listado de dez palabras ás persoas que ocupan as dúas primeiras filas e listados diferentes á terceira e cuarta, quinta e sexta, até se completaren os participantes, co obxectivo de que cada un cree o seu propio poema ou texto en prosa poética. Termina a sesión coa lectura de cada escrito. As obras creadas resultaron moi suxestivas e orixinais.
O taller foi financiado polo Ministerio de Cultura, dentro do programa "Encuentros Literarios"
Agradecemos a información oferecida por Flor Sánchez, xefa do Departamento de Lengua e Literatura Castellana.

ESCALA
FALSO sol-fa

Do-re
Mi sol
Fosa
in "Por efecto de las aguas"

25N. CONCURSO DE POSTERS.

                                                    Con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, a Biblioteca organiza u...